María Jesús Alonso, redeira burelense: «Máis que a dureza, dóeme que non temos recoñecemento do traballo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Coser nas redes é o seu, ainda que confesa que as condicións pasan factura á saúde das profesionais

25 abr 2020 . Actualizado a las 10:43 h.

Confinada na casa e parada na súa actividade como redeira debido á crise do covid-19, María Jesús Alonso (Burela, 1959) conta emocionada os días para volver á nave de redes. No oficio dende os 14 anos (aprendeu con Esperanza do Sierra e Queca), tamén é dende 2009 presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela que fai forza nas reivindicacións que o colectivo fai ano tras ano, pero co silenzo por resposta, confesa. Pero seguen a loitar polos seus dereitos. O vindeiro 28 cumprirá os 61 no medio desta pandemia global: «É o que toca».

-Cando se vai poder xubilar?

-Ata os 67 non podo. Empecei a traballar aos 14 anos pero daquela as redeiras non se aseguraban. Levo 24 anos cotizando so, de corenta e pico traballando.

-Vén de familia mariñeira?

-Meus pais e meus tíos foron sempre mariñeiros, sempre do mar. Como redeira, eu non tiña a ninguén na familia. Aos 14 anos parei na escola, non quixen seguir estudando. Miña nai díxome que había que estudar ou traballar e nesto último as opcións que me deu foron ir coser rede ou roupa. Houbo unha época na que tamén estiven na descarga do peixe. E fun á olga [alga] coa miña irmá máis nova; iamos as dúas collela e logo nola traían meu pai e meu irmán na lancha, andabamos peleando cos sacos polo medio da ribeira e os amarrabamos a unha corda que eles izaban para o barco e traían para terra.

-Debían de pesar un quintal!

-Pesan bastante porque é olga mollada e metida nun saco de 50 quilos de patacas... imaxínate! Pesábanse cando chegaban a terra, pero xa viñan escurridos.

-O traballo da recollida da alga tamén debeu ser so feminino.

-Si, había moi poucos homes. E o que ía era máis ben por carretarlles os sacos ás mulleres.

-Finalmente quedou no oficio de redeira. Por que o elixiu?

-Sempre me gustou, disfruto o meu traballo, pásanseme voando as horas... Estes días que non vou traballar, hai algúns que me subo polas paredes. O día 4 vou ir traballar, o primeiro luns do mes. Traballo en Burela e Celeiro.

-As condicións, son distintas hoxe ás de antes ou non tanto?

-Antes traballaba tamén nunha chabola, pola volanta e o miño. Eran chabolas vellas onde empecei. Cheas de humidade porque as pezas se amontoaban alí, seis ou sete mulleres nun recuncho... Comparado con hoxe, hoxe estamos bastante mellor. Eu no cerco empecei más tarde, sobre os 30 anos, e aquilo era máis de estar fóra, ao sol ou á auga. Hoxe, a nave da asociación está ben acondicionada, temos dous cuartos de baño con ducha incluida e amplitude e acomodamos nunha zona unha cociña con microondas e neveira. Acondicionámola e témola bastante curiosiña, para tomar un café ou comer.

-Pero é duro ser redeira.

-É duro porque traballas con cordas molladas, aparellos aos que lles sae o plomiño, o peso (hai pezas de 28 ou 30 quilos)... ainda que temos unha carretilla que nos donou o Safrán candos se foi a pique. Dentro da dureza que teñen todos os traballos ímolo levando, temos condicións para traballar non moi correctas, movemento repetitivo de mans e de brazos... pero, bueno, penso que todos os traballos teñen o seu aquel (sorrí).

-Non se recoñece como debería?

-Máis que dureza, dóeme o recoñemento que temos... que non temos. Se non hai quen faga os aparellos como se vai para o mar? É verdade que a veces traballando teño que poñerme dereita e coller aire porque me dan uns puntos na espalda e nas paletillas... pero é así o traballo. Tamén o que vai ao mar ten un traballo moi duro, o que vai á mina, o meu home anda nun camión el solo toda a semana e é duro...

-Por que falta esa valoración?

-Non sei. En realidade, non o recoñece a maioría de patróns, mariñeiros ou institucións... pero hai algúns que si. Creo que algúns non o consideran necesario e eu digo que é moi necesario.

-Que tipo de artes traballan?

-Todas, menos o arrastre. A volanta, miño, volantilla, nasa, rascos tamén sabemos traballar...

«Sempre me gustou, disfruto o meu traballo, pásanseme voando as horas... Estes días non vou traballar e hai algúns que me subo polas paredes. O día 4 vou ir traballar»

«Non vexo motivación para entrar no oficio polas dificultades que poñen»

Con respeto á formación e a garantir o futuro do oficio, para o que é preciso que haxa canteira xa, sinala: «Si que hai xente que quere aprender a ser redeira. Dende a asociación pelexei moito coa Xunta para dar cursos porque agora é moito polo libro. Antes iamos a unha chabola, ensinábannos e seguiamos traballando. Nós que levabamos anos cotizando e estabamos formadas tivemos que presentarnos a un exame, para obter a cualificación profesional. Debe de haber 8 anos que o fixen. Xa tiña o certificado de monitora, para dar cursos, dende hai 20 anos, que fixen en Marín. Aprobámolo todas. En realidade, quen nos examinou era un patrón de pesca, que moitos deles non saben coller a agulla... Hoxendía para poder ser redeira, primeiro tes que facer un curso de 330 horas e despois presentarte a un exame que hai cada dous anos».

-Ve motivación para ser redeira?

-Non vexo motivación polas dificultades que poñen.

-Cal das que traballa con vostede é a redeira máis nova?

-Somos sete. A máis nova empezou hai tres anos e ten uns 30 anos. A seguinte máis nova ten 52.

-Difícil pensar no relevo...

-Ao mellor se hai moita necesidade, pode ser que algunha vaia. Pero pouco anima o soldo...

-Como se paga o seu traballo?

-No cerco cobramos por horas pero nas outras artes traballamos por pezas. Se eres ‘de mans’, unha peza dun miño pode levarche 6 ou 7 horas e ao cabo delas gañaches 25 euros. Pero a unha persoa que está empezando, igual lle leva dous días facer o miño pero a súa Seguridade Social a finais de mes vai ter que pagala igual. No cerco gañas máis, porque nos pagan 8 euros por hora. Noutros, ten que ser por pezas.