O BNG advirte que en Burela están chegando recibos de auga e lixo con meses de atraso

s.c. BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

«Pode ser moi problemático para os comerciantes e hostaleiros, tamén para moitos veciños»

06 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Burela advirte que están chegando recibos de auga e lixo con meses de atraso, precisamente neste tempo de crise. «No punto de mira de toda a veciñanza está o recibo de auga e lixo, posto que levaba uns meses de atraso; como comprobamos estes días, pasaron ese recibo despois de que a prevista falla de persoal provocara unha longa carencia, polo que en Burela atopámonos cunha singularidade que pode ser moi problemática porque se agora se van engadir os atrasos a esta taxa as consecuencias para autónomos, comerciantes e hostaleiros poden ser mais brutais aínda, sen olvidar que para os fogares tamén pode ser crítico ter que facer fronte nesta situación ós atrasos», indicou o voceiro nacionalista Mario Pillado.

«Ademais en Burela temos particularidades que nos converten agora mesmo principal foco de actividade e risco: co Hospital da Costa, a lonxa da que saen e entran transportes de peixe a diario e coa maior densidade de poboación da comarca. Temos que dar un paso adiante para tentar anticiparnos ó que poda vir a partires de agora. Do mesmo xeito que nos enfrontamos ó negativo destas singularidades, no apartado das vantaxes, o noso concello ten os orzamentos municipais sen aprobar, a diferencia da maioría dos concellos, polo que o BNG vai propor que teñan un marcado carácter social e se centren na situación que temos que tentar atallar, engadía Pillado.

Os nacionalistas tamén cren «que o goberno local debe coordinarse cos outros concellos a nivel comarcal, pedir asesoramento na Fegamp ou incluso na Femp para tentar obter acordos polos que se poda modificar o marco legal para que sexa posible empregar o superávit sen atender a restricións económico-financeiras», sinalou.

Finalmente tamén propoñen «que se realicen test de forma inmediata a todo o persoal e usuarios do centro, que se lles dote do material necesario e equipos de protección individual axeitados para a situación e que se extreme a hixiene e desinfección como mínimo imprescindible para controlar a propagación do virus».