«Se non somos nós os que ollamos o rural con agarimo, quen vai ser?»

X.M.PALACIOS TRABADA / LA VOZ

BURELA

Ana Moreiras, profesora con orixes en Trabada e Burela, vén de publicar «Madia leva», con historias de base real que inclúen ficción

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Orixes familiares en Trabada e en Friol poden achegar un coñecemento firme para escribir unha obra na que o medio rural sexa o fío condutor. Anos de nenez e de mocidade vividos en Burela poden achegar distancia para que as árbores non impidan ver o bosque. Ana Moreiras empregou experiencias vitais para escribir Madia leva, obra na que o rural non semella desconectado do mundo actual: proba diso é que historias están presentadas en formato cómic. A obra presentouse no centro social de Miraz (Friol) hai varios días.

—Por que decidiu facer unha novela gráfica e non un documental?

—Non me convencía o formato da escrita. Leo moito e teño respecto á xente que escribe. Hai moita literatura sobre o rural, e creo que necesitaba outro enfoque: parece que o corpo mo pedía. Ademais estou a recuperar a paixón por debuxar. Co programa Urban sketching, que consiste en copiar do natural alí onde vaias, podes traballar e ver o que fan outros. Parecíame que o debuxo podía ser unha canle máis interesante.

—Que quixo achegar con esta obra?

—Non fun demasiado pretenciosa. Quería sacar fóra o amor que tiña polo tempo pasado no rural, polas aldeas cheas de xente, sobre todo nun tempo no que me parece que hai un ataque constante ao rural: ves que hai xente sacando adiante cousas, iniciativas, e é dificilísimo. Sublévame a falta de consideración que temos ás nosas orixes, e quixen rebelarme.

—Dáse na sociedade unha visión idílica do medio rural?

—Na presentación había xente que non só era a de Friol. O rural ten carencias, necesita apoio exterior. O noso rural é especial porque é hermético. Non podemos dicir que é idílico, porque non o é.

—Temos estereotipos sobre o rural?

—Hai esa visión idílica; pero si hai tamén unha visión realista nalgunha xente: por exemplo, Óliver Laxe. Pecamos de visión idílica; pero se non somos nós os que o ollamos con agarimo, quen vai ser?

—É posible vivir no rural?

—Hoxe, coas novas tecnoloxías, se tes un medio de subsistencia, si. Se non, que ninguén se engane: tes que depender das vacas, do clima e dos acordos coa Unión Europea. É difícil traballar no rural e non hai axudas. Se te organizas nunha cooperativa, é moito máis sinxelo; se queres vivir no rural e do rural de maneira individual, é máis difícil.

—A que público se dirixía mentres preparaba a obra?

—Conto isto a un público máis vilego: crieime en Burela e ía a unha clase de Inglés que estaba a 20 minutos da miña casa. Sería prentencioso que contase o rural á xente do rural. Falo da emancipación da muller, de matrimonios concertados ou de elementos caciquís, que son da humanidade pero que non van só dirixidos a un público rural.