Estíbaliz Veiga: «Venero e admiro á xente da aldea»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA/LA VOZ

BURELA

CEDIDA

A actriz forma parte, co director Gustavo del Río e co actor Denis Gómez, do elenco de «Castrapo», obra que chega a Burela

13 jun 2019 . Actualizado a las 12:48 h.

Venres 14 • 21.00 horas • Casa da Cultura • Entrada: 4 euros • A Compañía Náufragos representa este venres a obra Castrapo, dirixida por Gustavo del Río, pero tamén actor desta función xunto coa mariñá Estíbaliz Veiga, natural de Celeiro de Mariñaos (Barreiros), e Denís Gómez.

-Esta obra é das que capta moi ben a esencia galega.

-Cando estivemos en Yucatán con esta peza descubrimos que os maias teñen tamén a súa propia lingua e que tamén se senten coa necesidade de voar a cidades máis grandes para encontrarse co seu soño, coma Daniel, o protagonista da obra, que vive nun pobo de Galicia e marcha a Madrid buscando o seu soño. Creo que é algo universal, cando tes que deixar o teu entorno familiar e non só por motivos artísticos... Cantos xóvenes buscan medrar fóra do seu país! É un sentimento galego que temos arraigado na nosa cultura, pero que certamente é universal.

-Como foi a experiencia de representala en México?

-Fermosísima a todos os niveis, porque con poucos medios alí fan posible que o teatro chegue ao público. Deixoume emocionada esa experiencia e agradecida pero tamén ilusionada porque iso tamén chegue a pasar aquí.

-Falando de ter que deixar as orixes atrás, Burela ten unha clave comunidade inmigrante.

-José Díaz, o concelleiro de Cultura do Concello de Burela, interesouse moito por esta peza precisamente porque en Burela hai unha mestura de culturas importante tratándose dun pobo pequeno, que ves pola rúa. Por iso faime ilusión estar aí o venres e poder compartir esta Rosa [a protagonista feminina á que dá vida] que sae do seu pobo natal indo a Madrid, unha cidade na que se asfixia e se afoga, e atopándose con Daniel [que interpreta Denis Gómez] que renega das súas orixes. Rosa recórdalle que ten alas pero que iso non ten que cortarlle as raíces.

-Onde houbo xa funcións?

-A obra está en xira. Estivo en Viveiro e tamén en Zaragoza, Santander... En Madrid, en Cuarta Pared, con críticas excepcionais. Aínda que Rosa falaba en galego, en Madrid o galego entendeuse á perfección e o público quedouse moito coa personaxe.

-É que Rosa é un amor...

-É auténtica.

-No listado de festas que ela enumera nunha escea non falta a Festa da Tortilla da súa terra!

-Metín a frase no texto porque dende pequena eu medrei cada agosto cunha tortilla xigante. E tamén coa Festa do Percebe de Rinlo. E non me podo esquecer da Feira do Bonito de Burela!

-Nela vemos a súa vea cómica.

-Gustavo traballou comigo moito esa bis cómica. Non se me soe ver moito nesa parcela, pero si que facer o papel de Rosa é un regalo porque ten moita parte da nena que fun e medrou en Celeiro de Mariñaos, así como dos meus avoíños de Celeiro. Moita xente non sabe que foi a que me inspirou, xente non só de Celeiro senón da Mariña. Esa bondade, autenticidade, esencia pura... Venero e admiro á xente da aldea.

-En que proxecto está agora?

-Comezando un programa (Un país en 360) con Adiviña Producións, do director Jorge Algora, para a TVG. É moi innovador. Estou mirando de reollo para el agora a ver ata onde podo ler... Mesturamos as novas tecnoloxías coa historia do románico, aventura a cabalo, fervenzas do Sil, etc. E en breve iremos á Mariña.