'Sempre hai medo de se non chegan as mans para facer a alfombra floral de Burela'

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA/LA VOZ

BURELA

Pepa Losada

Este sábado será o día sinalado para a confección do tapiz na honra da Virxe do Carme, e dedicado aos videoxogos

30 may 2019 . Actualizado a las 11:15 h.

Ademais de ser o presidente da Asociación O Vencello, Alberto Rapa é responsable dun dos tramos de alfombra floral de Burela que se confeccionará este sábado, dentro das festas patronais da Virxe do Carme e san Xoán Bautista. Aquí dá algunhas claves dese fermoso traballo, pero que require un notable esforzo veciñal e voluntario, así como a idea de como promocionalo.

-A verdade é que o valor sentimental da alfombra é grande. Pero cal sería o económico? Se é posible calculalo, claro.

-Non sei dicir... Temos unha achega que nos dá a comisión, de 3.000 euros, pero hai que sumar as serraduras tinguidas e as doce toneladas de sal que paga o Concello de Burela. Ademais, en cada tramo hai xente que doa diñeiro para a alfombra ou flor, ou faino a través de florerías. O valor real? Non sei. Ademais, cada tramo xestiónase por separado. Por exemplo no noso, o da igrexa, puxemos huchas e recadamos case mil euros. Tamén se fan doazóns en especie, pois hai xente que merca flor e tráenola.

-Moito sal leva a alfombra!

-Unha gran parte utilízase para confeccionar a greca. Tanto a tinguidura do sal como das serraduras fana traballadores do Concello.

-A idea das camisetas é nova, para recadar fondos.

-A idea xurdiu o ano pasado, cando faciamos o 25 aniversario. Por que non facer unha camiseta conmemorativa? Quedou bonita, gustou.

-Este ano o tema da alfombra ten que ver cos máis novos.

-Este ano o tema está como dividido en dous. Por un lado temos os rosetóns grandes que dedicamos a videoxogos como Supermario, Comecocos... O resto dedicámolo ao mundo do cómic. Vai ser unha alfombra moi colorida. A greca dedícase ao Tetrix.

-Que necesitan este ano?

-Este ano talvez máis flor, porque a margarida e outras flores recóllense polos campos, pero con este tempo tan cambiante é complicado e temos que recorrer máis a flor comprada. Tamén necesitamos xente que colabore o sábado, sexa media hora, unha, dúas... para que se poida acabar a tempo. Sempre imos co medo de se non chegan as mans. O ano pasado a participación subiu. Non queremos que esta tradición se perda, baixo ningún concepto.

-Algunha idea para o futuro?

-Está en proxecto intentar facer unha asociación. Esa idea roldaba xa o ano pasado. Porque cremos que cumpre os requisitos para ser festa de interese turístico galego.