«En Burela hai que buscar alternativas para intentar remunicipalizar servizos»

Mario Pillado, alcaldable do BNG, ve urxente abordar o problema da depuradora e aposta por reordenar espazos e por construír un novo pavillón polideportivo


BURELA / LA VOZ

Mario Pillado, actual voceiro municipal do BNG e alcaldable en Burela, reclama a celebración dun debate público entre candidatos para que os veciños podan escoitar de primeira man as propostas das formacións que aspiran ao Goberno local.

-¿Cales son as liñas principais do programa electoral do Bloque?

-Pensamos que hai que reordenar espazos e deseñar un plan de mobilidade para todo o municipio atendendo ás peculiaridades de cada barrio. Hai que pensar en potenciar a creación de espazos para os cidadáns, semipeonís, peonís... O señor Llano falou destes asuntos, pero non cumpreu. Outro tema que hai que abordar é o da estación depuradora de augas residuais (EDAR). Hai que axilizar as xestións coa Xunta. Tamén pensamos que, sabendo que existen trabas, hai que pensar e buscar alternativas para estudar e intentar remunicipalizar servizos básicos. Outro proxecto é impulsar a compostaxe, a colectiva e tamén a familiar, que tan bo resultado está dando noutras poboacións. E un tema que hai que tratar con urxencia é o da construción do novo pavillón. Non entendemos como un ano despois de que en pleno se adoptara un acordo, o Goberno local deu unha viraxe e fala agora dunha reforma. Outro incumprimento máis do señor Llano. Desde o BNG somos conscientes das carencias de instalacións deportivas e seguimos reclamando un pavillón novo.

-¿Cal sería o primeiro proxecto no que se porían a traballar si chegan a gobernar?

-É difícil decidir porque hai varios. Pero pensando en todas as xestións que implica, creo que nos poriamos a estudiar as alternativas que existen para remunicipalizar servizos básicos.

-¿Como cales?

-Como o de abastecemento de auga e o saneamento, a xestión dos residuos sólidos, a limpeza viaria, a de praias...

-¿Como enfocan a campaña?

-Buscamos estar en contacto cos veciños. Andamos repartindo o boletín do BNG polas rúas, no mercado, nos comercios... A semana que vén faremos reunións con colectivos e este venres, 17, ás 13.00 horas, na Praza da Mariña, presentarémoslles aos veciños o noso programa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«En Burela hai que buscar alternativas para intentar remunicipalizar servizos»