A pesca de Burela e Política Lingüística achegan o mundo mariñeiro a escolares da Mariña
02 may 2019 . Actualizado a las 13:45 h.Cae o consumo de peixe e o patrimonio da linguaxe mariñeira galega alónxase das novas xeracións. Política Lingüística da Xunta e o sector pesqueiro de Burela reman xuntos co doble propósito de ensinarlles aos escolares que o peixe «é bo e necesario nunha dieta saudable» e a terminoloxía mariñeira. Arredor de 130 escolares de tres colexios da Mariña achegáronse este xoves pola mañá ao mundo mariñeiro na lonxa de Burela, onde se presentou o proxecto Peque Peixe.
Que a comer peixe tamén se pode aprender coñecendo os seus nomes en galego vivironno nenos de entre sete e oito anos dos colexios Virxe do Carme de Burela, Fondo Nois de Foz e Península da Paz de San Cibrao. Son os primeiros de Galicia aos que Política Lingüística lles ensinou unha das seis unidades didácticas elaboradas por Sinerxia Plus. Adaptadas aos diferentes grupos de idades, os rapaces coñecen con cada unha as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes.
Nos actos deste xoves pola mañá en Burela Os Bolechas guiaron aos pequenos nunha visita á lonxa, descubriron Peque Peixe e, como remate, comprobaron secretiños para preparar peixe e as súas cualidades alimentarias nunha exhibición de cociña protagonizada por Ana Oca, finalista do programa televisivo Master Chef Junior.
Política Lingüística e o seu secretario xeral Valentín García contaron coa cooperación e a implicación de Armadores de Burela, que preside Abelardo Basanta e que ten como xerente a Miguel Neira, e da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, que preside José Otero e da que é xerente Sergio López.