Albert Sabat, do Obradoiro CAB, abrirá hoxe a Semana do Deporte de Burela

La Voz BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

Ata o domingo haberá charlas e talleres de atletismo, pádel, ciclismo ou xadrez

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O base titular do Obradoiro CAB, da Liga Endesa ACB, Albert Sabat, abrirá esta tarde a cuarta Semana do Deporte de Burela. Farao no Clínic de Baloncesto que dará comezo no pavillón Vista Alegre ás seis e media da tarde, e que será aberto ao público. A cita poñerá o broche de ouro á primeira xornada dunha iniciativa promovida polo Concello de Burela con apoio da Deputación de Lugo, e a través da que os burelenses de todas as idades terán a oportunidade de achegarse por primeira vez a un bo número de prácticas deportivas moi diversas: desde o atletismo ao pádel, pasando polo baloncesto, o fútbol sala, o ciclismo, o sendeirismo ou o xadrez.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, destacou onte a gran acollida deste proxecto, especialmente entre os máis pequenos. «Os nenos ilusiónanse e escoitan as experiencias e os trucos dos deportistas, e vemos que é algo moi positivo», abundou o edil. Deste xeito, as actividades programadas tamén se estenderán aos dous colexios, o CEIP Vista Alegre e o CEIP Virxe do Carme, onde hoxe pola mañá haberá un taller de iniciación ao atletismo que ofrecerán dous técnicos da Federación Galega de Atletismo; e mesmo ás escolas infantís dos Castros e Vista Alegre, que mañá, xoves 4, recibirán a visita de varios xogadores e xogadoras do Pescados Rubén Burela de fútbol sala.

Darlle visibilidade ao deporte feminino será outra das metas da edición actual, polo que mañá haberá unha charla na que intervirán, entre outras, a fundadora de Mulleres Deportistas Galegas, Pili Neira, a xogadora do Burela FSF Patricia González Mota, Peque; a árbitro asistente internacional Tania Fonte, ou a atleta local Carla Trillo. Unha das actividades máis esperadas será, novamente, a charla sobre primeiros auxilios no deporte que brindará o técnico do 061 Camilo Vázquez, e que organizará Semes Galicia. Desenvolverase no pavillón Vista Alegre o venres 5 entre as 20 e as 21.30 horas. Será aberta ao público. «Ter uns coñecementos básicos de primeiros auxilios no deporte é básico porque nos permite saber actuar en caso de emerxencia, e podemos chegar mesmo a salvar unha vida», indicou Fernández Rey. O domingo pola mañá, Pasada das Cabras organizará unha ruta de sendeirismo circular por Burela. A saída está fixada para as dez da mañá desde a base da Capitanía Marítima.