Expomar contará en Burela con 120 postos e 300 marcas representadas

Celebrarase do 9 ao 12 de maio


BURELA / LA VOZ

A vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará do 9 ao 12 de maio, xa ten confirmada a presenza de 120 stands nos que estarán representadas 300 marcas. En total o recinto feiral ocupará por primeira vez 4.000 metros cadrados.

Nas últimas horas tivo lugar unha xuntanza da comisión organizadora para ultimar algúns dos detalles do evento. Nas Xornadas Técnicas, que terán lugar o xoves e o venres, presentarase un estudo sociolaboral da pesca en Burela e analizaranse cuestións de interese para o sector.

«Hai que ser optimista porque a estas alturas xa está practicamente todo rematado, contamos cunha boa presenza de expositores e tamén para as xornadas técnicas e o encontro empresarial. Ademais vaise celebrar aquí en Burela o pleno do consello galego de pesca, paralelamente á feira», explicaba onte Alfredo Llano, alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar.

«Hai xa confirmados máis de 120 stands e temos máis de 300 marcas representadas. A inauguración será o día 9, coa conselleira do Mar, sobre a unha e media do mediodía. Tamén ampliamos a superficie de ocupación, antes víñanse empregando 3.500 metros e este ano van ser 4.000 metros os que se van aproveitar para facer unha boa exposición», engadía Llano.

«As xornadas técnicas, que en principio ían ser só o xoves, imos facelas o xoves e o venres polo seu interese. Entre os temas que se van tratar haberaos de ámbito social e de xestión pesqueira. No ámbito social imos ter a presentación dun estudo sociolaboral da flota de Burela, que pensamos que é extraordinario e vai ter moita importancia nesta feira», concluía Alfredo Llano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Expomar contará en Burela con 120 postos e 300 marcas representadas