«Sempre que podo vou ver campionatos de baristas e de coctelería para aprender»

Lucía Rey
Lucía Rey BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O camareiro burelense Daniel José de Castro, de 25 anos e formación autodidacta, acaba de lograr o subcampionato galego de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia

13 mar 2019 . Actualizado a las 21:42 h.

O esforzo e o traballo teñen case sempre a súa recompensa, como demostra a experiencia de Daniel José de Castro (Burela, 1993), camareiro de formación autodidacta que acaba de conseguir o subcampionato galego de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia celebrado no marco do Fórum Gastronómico de A Coruña.

?Contaba co premio?

?Non, pero estou contentísimo, sobre todo polo mal que o pasei na fase eliminatoria, onde estaba moi nervioso porque ía con medo de que non me chegase o tempo. Na proba A, antes tiñamos que facer o tiraxe de tres cañas nun minuto e trinta segundos, pero neste campionato restáronnos cinco segundos, tivémolo que facer nun minuto e vinte cinco segundos, e eu xa me vira moi xusto antes, polo que pasei moitos nervios. Encima saín de último e iso meteume moita máis presión.

?Pero ao final saíu ben porque pasou a rolda eliminatoria e chegou á final...

?Xa, pero as cañas podían ser moi mellorables porque normalmente teñen que ir ata arriba da copa, e eu calculei un pouco mal e non foi ata arriba. Para a fase final escolleron aos cinco mellores, e aí estiven moito máis tranquilo. Facías primeiro un minuto de explicación sobre o servizo perfecto dun botellín, e despois dábanche dous minutos para tirar tres cervexas e facer o servizo con bandexa ata a mesa do xurado. Co nivel que había de compañeiros tirando cañas perfectas, ao final os premios baséanse en pequenos detalles.

?Iso demostra que é moi esixente co seu traballo...

?Había moitísimo nivel. Fomos os cinco clasificados do campionato de Galicia Norte, que se celebrara na Galiciana en Santiago, e os cinco de Galicia Sur, aínda que un dos nosos non puido ir, polo que ao final competindo eramos nove.

?Agora participará no campionato nacional...

?Será no Salón Gourmet de Madrid, na primeira quincena de abril.

?Canto tempo leva traballando na hostalería?

?En xuño vai facer dez anos. Teño 25 e empecei con 16 grazas a meu irmán, que tiña un bar en Burela e había que botarlle unha man. A min estudar non me gustaba moito e foi el quen me foi ensinando e poñéndome as cousas duras para que mellorara. Meu irmán fixo que me empezara a gustar e a interesar. Agora levo cerca de cinco anos na cafetería Vista Alegre, e estou moi contento, facendo e vivindo do que me gusta.

?Pensou algunha vez en estudar Hostalería?

?Animábanme a facelo, aínda que ao final non fixen escola. Pero a día de hoxe podes aprender moito. Se che gusta o tema, tes información en todos os lados, amigos do gremio, amigos baritas que che axudan... Aínda que non sexa participar, sempre que podo vou ver campionatos de baristas e de coctelería para aprender, coma os de Foz. Estar alí vendo e aprendendo, váleme de moito. É un pracer ir porque aprendes moitísimo.