«Non sei como me vou encontrar cando teña o meu primeiro libro nas mans»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

BURELA

CEDIDA

Verá publicado o poemario co que gañou o XI Premio de Poesía Victoriano Taibo

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As letras, dun xornal ou dun poema, son letras ao fin e ao cabo. Veículos de expresións, feitos, anécdotas, vivencias... que Laura Ramos Cuba manexa coa soltura tanto como xornalista como poeta. Aínda que foi pola rama máis literaria pola que a burelense vén de acadar o XI Premio de Poesía Victoriano Taibo cun presente ben merecido, a publicación da obra presentada. Verá a luz o seu primeiro libro.

-Como recibiu a boa nova?

-Foi a semana pasada. Chamoume o mércores á tarde-noite Marta Dacosta, do xurado e poeta.

-Das mellores novas que podía recibir para irse para a cama!

-Si... Non mo cría¡ De feito estaba falando con ela e díxenlle ‘espero que vos gustase’. E ela: ‘Muller, dímosche o premio’. Estaba como moi nerviosa, estaba que non mo cría. Gañara antes dous certames no instituto, que está moi ben, pero non teñen o calado que ten este, que implica a publicación dun libro e hai unha recompensa económica maior.

-É moita osadía preguntarlle que vai facer co premio económico?

-Xa mo preguntaron (ri). Miña avoa díxome ‘aforra, filliña, aforra’. Meu pai dixo ‘mimá... canto é!’. Miña nai dixo ‘hai que mirar como tributa isto que hai que estar ao día con Facenda, eh?’.

-O mellor é poder ver publicado o seu primeiro libro, verdade?

-Si. Envieino porque era moi atraínte o premio económico pero fíxeno por probar, pois nunca pensei que me podía tocar. Agora, claro, vou sacar o libro... e non mo creo! É unha sensación moi rara, non sei como me vou encontrar cando o teña nas mans.

-Vai ser un momento único. A quen llo dedicaría primeiro?

-Xa o teño, xa teño a dedicatoria pensada. Estiven pensando estes días ‘e se o dedico, a quen llo dedico?’. Dedicaríallo ás mulleres da miña vida, irmás e guerreiras todas elas... Unha cousa así.

-Que fermoso! Cantos poemas recollerá a publicación?

-Son como 52 páxinas. Non contei os poemas, algúns son de dúas liñas, outros toda unha páxina.

-O título xa sabe cal é.

-A situación actual. Púxeno porque me facía moita graza a expresión ‘tal e como está a situación actual...’ Acordo unha vez que fora a unha entrevista, mandara o currículo e dixéronme ‘tal e como está a situación actual no oficio...’

-Cal é a liña que pretende reflectir cos poemas ou non hai expresamente un fío condutor?

-O poema máis vello que escribín é do 2012 e o máis actual é deste ano. Funos escribindo ao longo do tempo, sen pensar que o ía ler nunca ninguén. Escribinos para min. Non é a miña vida exactamente, pero dalgún xeito reflicte distintas etapas ou cousas que puiden experimentar, ou non, ou como me sentía. Unha das cousas que dicía o xurado é que era un «poemario bastante intimista» e Daniel Salgado dixo que exploraba moito o vínculo do individuo co colectivo e resto da sociedade. Falo de amor, de traballo, conflitos laborais, emocionais, violencia sicolóxica...

-Debe sentir unha sensación de vértigo ver como este traballo tan íntimo sae agora á luz, non?

-É exactamente iso! Non o fixen pensando en que tivera unha proxeción e non lle dou valor porque son cousas que escribín para min, sen pensar en nada máis. Escribir sérveme para axudarme a desenredarme por dentro. Pero non so escribo cando estou mal, senón tamén cando estou contenta, como un recordatorio para cando estea mal acordarme desas cousas. Insisto, non pensaba en que fose gañar. Aínda estou aterrando da idea de que vou ter un libro, paréceme aínda unha idea moi rara. Escribir espero seguir escribindo sempre porque é algo que fago para min.