O BNG pide que se lle retire o nome de Eijo Garay a unha rúa de Burela

S. GIL / S. C. BURELA/LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Tamén solicitan que se anule o título de Fillo Adoptivo ao bispo

19 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego en Burela, Mario Pillado e Dorotea González, presentaron unha iniciativa e moción para o seu debate en pleno, para que se retire o nome do bispo Leopoldo Eijo Garay dunha rúa céntrica desta vila. Solicitan tamén a anulación do título de Fillo Adoptivo de Burela para este.

Este bispo de Madrid-Alcalá e coñecido como «Patriarca de las Indias Occidentales», foi «unha das figuras claves do apoio da igrexa ao réxime de Franco», segundo valora o BNG burelés.

No ano 1950 foi nomeado como fillo adoptivo do municipio, figurando aínda como tal na actualidade. Segundo os edís, «haberá aínda quen manteña que Eijo Garay merece seguir tendo unha rúa na nosa vila pola súa ascendencia familiar e polas xestións levadas a cabo para a construción do primeiro porto de refuxio en Burela en 1931», apuntan dende o BNG. Segundo a valoración que eles fan desta figura, «para calquera persoa de conviccións democráticas ningún destes argumentos xustifica a presenza do bispo no noso rueiro, pois calquera cuestión beneficiosa para Burela queda anulada pola súa colaboración e implicación posterior no réxime franquista».

O grupo local do BNG considera que non se pode xustificar a presenza do nome de Eijo Garay no rueiro dende unha perspectiva local, sen entrar a valorar a figura na totalidade e «sen ter en conta as consecuencias fatais que para moitas persoas tivo a ditadura franquista».

Recordan tamén que xa no ano 2009 o Colectivo Cultural Buril presentaba unha iniciativa similar a todas as formacións políticas con representación municipal, aínda que daquela non contou coa poio necesario nin coa vontade política para facela realidade.

Defenden así, segundo eles, «a rexeneración democrática que xa se comezou noutros concellos e que non pode demorar máis, porque aínda que supón moi pouco a nivel administrativo, constitúe un grande paso na restitución da dignidade das persoas represaliadas», expoñen no texto da súa moción.

Por isto, os concelleiros do BNG propoñen á corporación municipal que se retire o nome de Eijo Garay a unha das rúas céntricas de Burela e que se anule o título otorgado a este de Fillo Adoptivo no seu día. O tema será tratado en pleno pola corporación municipal de Burela e seguro que ha ser polémico.