Última hora:
La gallega Jéssica Bouzas gana a Paula Badosa y avanza en el Másters de Madrid

«Escoitar pouco fíxome moi observadora e procuro captar coa cámara o que vexo»

Lucía Rey
Lucía Rey BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

A burelense Lucía Rivas, que ten unha discapacidade auditiva do 65%, inaugurará o día 21 en RegalXunqueira unha exposición de fotografía

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tiña ano e medio, os médicos diagnosticaron que Lucía Rivas (Burela, 1986) padecía hipoacusia neurosensorial bilateral severa, unha discapacidade auditiva do 65% que a condiciona en moitos aspectos da súa vida, pero que tamén lle deu pé a descubrir a súa paixón: a fotografía. «Escoitar pouco fíxome moi observadora, e procuro captar coa cámara o que vexo», destaca. En menos dunha semana, o 21 de xuño ás 20.00 horas, os mariñanos poderán contemplar súa obra nunha exposición que inaugurará en Regal Xunqueira, en Viveiro.

?¿Como enfrontou a súa familia a súa discapacidade?

?Primeiro con moita preocupación. Despois leváronme a moitas consultas médicas para buscar solucións, e co tempo fóronse acostumando. Eu estou moi contenta porque a familia axúdame moito. E non só meus pais e meus tíos, tamén miña irmá, meu cuñado e os meus sobriños. Niso son moi afortunada, porque tamén fun intervida de cifoescoliose severa.

?¿En que facetas da vida cotiá non ten limitacións?

?Estou limitada en moitas porque non podo subir ás alturas nin coller pesos, e non podo estar onde haxa moito ruído. En cambio si podo facer moitos traballos nos que non sexa necesario coller pesos. E, afortunadamente, teño o carné de conducir e iso dáme moita autonomía.

?¿Como desenvolveu a súa vida académica?

?Estiven estudando no colexio Virxe do Carme e no instituto O Perdouro. Máis tarde, matriculeime no IES Monte Castelo para poder ter o título de Educación Secundaria na sección de Persoas Adultas. É certo que tiven dificultades, pero déronme moita axuda e fun chegando á meta. Tiven que asistir a clases particulares porque, como non chegaba co meu esforzo, busquei axuda.

?¿Que significa a fotografía na súa vida?

?Sempre me gustou. Comecei a manexar a cámara compacta no 2012, coas miñas amigas Olivia Abruñedo e Esther Caloca. Con elas aprendín a facer fotografías bonitas. Máis tarde conseguín unha cámara réflex e mandei fotografías para TVG, como facían os meus amigos Paco Medina, Reinaldo González e Juan Insua. Cando as vin na pantalla, púxenme moi contenta. Chámame moito a atención a natureza. Gústame captar o solpor, o amencer e os barcos entrando no porto. Tamén fixen moitas das alfombras florais, que este ano cumpriron o 25 aniversario.

?¿Cre que escoitar menos potenciou a súa capacidade visual, como observadora do mundo?

?O feito de escoitar pouco provocou que tivese moitos problemas para falar e para ler e escribir. Penso que son moi observadora, pero nunca pensara en facer fotografía. Iso apareceu como por casualidade. Agora fíxome moito no que vexo e procuro captalo coa cámara.

?¿En que proxectos anda metida actualmente?

?Colaboro en moitos. Comecei colaborando co programa de radio Proxecto Neo e na revista Marusía do Perdouro. Agora fago sempre as reportaxes gráficas das actividades do Modelo Burela, e gústame moito colaborar con Marco Pereira e Edilson Sánchez no Grandes Voces do Noso Mundo. Hai un ano fixen unha exposición no Doce Lecer. Despois outra na Casa da Cultura en Burela. Estoulles moi agradecida aos irmáns Álex e Marcelo Correia, gaiteiros de Cabo Verde que foron tocar á inauguración. Tamén ao alcalde Alfredo Llano, ao concelleiro de Cultura José Díaz e a Matías Nicieza, que gravou un vídeo precioso sobre as miñas fotos.

?¿Sufriu discriminación?

?Sufrín, mais é mellor non falar diso e fixarse no positivo. A escola e os amigos sempre me apoian, e o meu exmestre Bernardo Penabade axúdame e anímame a preparar a exposición e a seleccionar o material das reportaxes. Outro tanto fan Karina Parga e Antón Niñe, que vai publicar un libro novo e que confiou en min para facer a fotografía.