Domingo sen coches en Burela, con rúas pechadas e moita actividade

Son iniciativas para celebrar a Semana Europea da Mobilidade

.

burela / la voz

Do 16 ao 22 de setembro terán lugar en Burela as actividades programadas para celebrar a Semana Europea da Mobilidade, que foron presentadas onte pola concelleira de Medio Ambiente, Noelia Ben, xunto a representantes das asociacións e firmas colaboradoras. No acto participou o alcalde en funcións, Ramiro Fernández Rey.

As actividades en Burela darán comezo este sábado. Ata o 22 de setembro haberá cursos de condución eficiente, talleres de cociña para os máis pequenos, demostracións de ximnasia rítmica, exhibición de baile de salón, ciclismo, xadrez, manualidades, xogos, charlas, obradoiros e circuíto de educación vial, entre outras propostas.

O domingo 17 será o día sen coches. Esa xornada desde as 9 ás 22 horas estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay. Será un día cheo de actividades para todos os públicos. Ás 13 horas actuará a Coral Polifónica de Burela. Haberá inchables na praza do Concello, mesas informativas de diferentes colectivos ás 18:00 horas terá lugar a tradicional merenda infantil (patrocinada polo CCA de Burela) e chocolatada coa colaboración da asociación Os Asadores e Ledicia. Será na praza da Mariña ao igual que a actuación de Peter Punk con Peor imposible, a partir das seis e media da tarde.

Noelia María Ben explicou que «repetimos as actividades que o ano pasado nos funcionaron moi ben e como novidade quero destacar a participación da asociación Stop Accidentes, que acudirá a dar charlas aos institutos Monte Castelo e Perdouro».

A concelleira de Medio Ambiente agradece a colaboración «de todas as asociacións e colectivos que un ano máis estarán presentes na programación desta Semana Europea da Mobilidade, que se desenvolverá do 16 ao 22 de setembro»

«Queremos concienciar á nosa veciñanza da importancia de promocionar a mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes», concluía.

Votación
0 votos
Tags

Domingo sen coches en Burela, con rúas pechadas e moita actividade