Pablo de la Barrera, gandeiro barreirense: «Así aguántase dous ou tres meses; non creo que ninguén poida aguantar máis»

X. M. P.

BARREIROS

Pablo de la Barrera, manifestándose na tractorada de Lugo
Pablo de la Barrera, manifestándose na tractorada de Lugo OSCAR CELA

Participou xunto a outros mariñaos na tractorada convocada por Agromuralla en Lugo, para protestar polo prezo do leite

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Gandeiros da Mariña participaron este xoves nunha protesta en Lugo convocada polo colectivo Agromuralla. A tractorada serviu para protestar polo baixo prezo do leite. 

Entre os manifestantes, Pablo de la Barrera, gandeiro do concello de Barreiros, que ten una explotación cunhas 200 vacas, das que aproximadamente a metade están en produción. Da súa explotación saen máis dun millón de litros ao ano.

Para este gandeiro, que ademais é fillo e neto de gandeiros, a situación actual ten unha parte sabida e outra menos coñecida. «Os custos de produción soben sempre», dicía onte, pouco antes do comezo da manifestación.

Pero agora hai un problema engadido: «A diferenza é que se non sobe o leite, xa nos metemos en perdas», afirmaba.

Un precedente da situación actual, lembraba Pablo de la Barrera, deuse hai sete anos, cunha baixada de prezos e unha suba dos custos de produción. Os problemas destes meses pasados non quitan ás súas palabras un espazo para un certo optimismo: amosábase convencido de que se hai necesidade de materia prima no mercado, o prezo do leite terá que subir.

Perspectivas nefastas

De todos os xeitos, a situación actual, producindo con perdas, non semella doada: «Así pódese aguantar dous ou tres meses; non creo que ninguén poida aguantar moito máis», recoñecía. As explotacións gandeiras, engadía, non teñen os remanentes doutros negocios, polo que o futuro inmediato semella difícil para moitas.