A Deputación de Lugo aproba obras de mellora en varias estradas provinciais

la voz LUGO / LA VOZ

BARREIROS

Pilar García Porto, portavoz del PSOE de Lugo en la Diputación
Pilar García Porto, portavoz del PSOE de Lugo en la Diputación

Tamén adxudicou un segundo lote para desbroces de vías a partir deste mes

04 jun 2021 . Actualizado a las 14:24 h.

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e a licitación das obras para renovar un novo tramo da LU-P-0610, a estrada provincial paralela á costa de Barreiros. Con esta actuación, a Deputación mellorará un treito de máis de 2 quilómetros, entre os puntos 1,4 e 3,2, cun investimento de 133.000€. 

Nesta vía da Mariña, a Deputación xa investiu 91.000€ para renovar o firme do tramo que vai do quilómetro 3,4 ao 5,4, e só queda un último treito para a súa renovación integral, que quedará completada neste mandato. 

A voceira socialista, Pilar García Porto, recalcou que «esta é unha estrada estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña, porque enlaza as praias de Altar e Reinante e a glorieta da praia das Catedrais, dando servizo a numerosos veciños e veciñas e visitantes que se achegan á costa barreirense». 

Por outra banda, na sesión deste venres, o Goberno da Deputación aprobou a adxudicación doutros tres lotes do contrato para a roza de estradas provinciais por un importe que suma preto de 300.000€. Son os lotes que afectan aos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón e Monforte de Lemos.

Na Xunta de Goberno do venres pasado adxudicáronse outros 19 lotes por un importe de 1,7M€. Só quedan dous lotes por adxudicar -os que comprenden Abadín, Baleira, Baralla, Mondoñedo e Láncara- porque é necesario requirir ás empresas mellor valoradas, ao no ser posible a primeira adxudicación. O contrato para a prestación dos traballos de desbroce da rede viaria provincial terá vixencia este ano 2021 e o vindeiro 2022, coa opción de prórroga por outro ano máis. 

En total, a Deputación de Lugo destinará á roza das estradas provinciais máis de 2,5M€, «un investimento moi importante, que responde ó compromiso da Deputación de Lugo de mellorar a seguridade na rede viaria provincial e a comodidade dos condutores, evitando que a vexetación dificulte a evacuación das augas de escorrentía ou afecte á seguridade dos usuarios polo efecto ‘aquaplaning’. Estes traballos tamén favorecen a prevención de incendios durante o verán», asegurou Pilar García Porto. 

Centro de maiores de Meira

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación por un importe de 127.000€ do lote correspondente a mobiliario xeral do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira.

Xa foron adxudicados outros tres lotes de equipamento, os correspondentes ao material de lavandería, dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e ao equipamento de pequenos electrodomésticos e material de limpeza por un importe total de 79.000€. Para completar a dotación, só queda o lote de cortinaxe, que saíu a licitación por 94.000€.