Asunción Fernández: «Parte do pouso da personalidade de Xela e o seu pai residen en Barreiros»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

BARREIROS

A directora de Fingoi, Asunción Fernández
A directora de Fingoi, Asunción Fernández ALBERTO LÓPEZ

A directora do colexio Fingoi e filla do fundador da Granxa-Escola lembra a infancia da poeta en Lugo

19 may 2021 . Actualizado a las 20:39 h.

Xela Arias, Valentín Arias e Antonio Fernández son os tres nomes cos que se narra a infancia da escritora en Sarria e en Lugo. Os curtos sete anos que pasou na provincia lucense teñen unha relevancia maior da que pode parecer. Diso está segura a directora do colexio Fingoi, Asunción Fernández, filla de Antonio, o fundador da Granxa Escola Barreiros e do colexio Fingoi, onde creceu e estudou Xela nos seus primeiros anos de vida. «Naceu nun sitio especial nun momento especial e así foi ela tamén». Para entender a súa historia, Asunción ten que comezar falando do seu pai.

—Antonio foi a alma mater de Barreiros. No 1939 decidiu crear a granxa na súa parroquia, Ortoá, para encamiñarse ao desenvolvemento da Galicia rural. Deuse conta de que a educación era o primeiro se quería influír nos veciños e no 1948 creou a Escola Barreiros coa clara convición de que toda formación comeza na contorna, non nos libros de texto. Dous anos despois, decidiu ampliar o proxecto e fundou o colexio Fingoi en Lugo.

—Cal foi o papel de Valentín Arias en Barreiros?

—Cando se fundou debía ter uns 12 anos e, como era veciño, acudiu á escola e era un dos alumnos máis avantaxados. Ademais da formación dos pequenos, o meu pai tamén comezou a impartir cursos agropecuarios para os adultos, dos que se encargaba o intelectual Avelino Pousa. Pero sobre o 1955, Valentín o substituíu e pasou a ser mestre, cando xa estaba casado.

—Os primeiros anos de Xela foron alí.

—Si, o meu pai insistía en que o mestre tiña que vivir na escola, así que a pesar de ter a casa próxima, na Vilerma, viviu alí con Xela e Amparo Castaño. Recordo que a nai facía a comida para todos os estudantes. Despois a Valentín xurdiulle un traballo en Lugo e marcharon.

Xela Arias cos seus pais nos seus anos viviendo la Granxa Escola Barreiros, no concellos de Sarria, onde o seu pai foi mestre
Xela Arias cos seus pais nos seus anos viviendo la Granxa Escola Barreiros, no concellos de Sarria, onde o seu pai foi mestre ARQUIVO DA FAMILIA

—Entón Xela escolarizouse en Fingoi.

—Estivo aos 5 e 6 anos, pero xusto entón eu estaba preparando a entrada á universidade así que non coincidín con ela. Foron eses dous anos nos que Xela estivo máis inmersa no modelo educativo tan especial deseñado polo meu pai. Despois xa marcharon para Vigo e alí se asentaron.

—Había diferenzas entre o proxecto no rural e en Lugo?

—Tiñan a mesma idea educativa: nada memorística, práctica, vinculada co entorno e de razoamento. Pero cada un aproveitaba os seus recursos, como por exemplo os naturais no rural. Aínda que cando se fundou Fingoi, a situación foi escollida porque estaba rodeado de bosques.

—Cre que influíu en Xela?

—Algúns pedagogos din que nos primeiros tres anos de vida é cando se forma unha persoa, así que supoño que crecer nun sitio distinto puido influír en que despois fose tan rompedora e avanzada. Nalgúns dos seus escritos, por exemplo, fala da súa casa familiar co seu pai como un espazo con moitos libros, algo que tamén se identifica con Barreiros. Eu tamén recordo a escola chea de grandes edicións. E cando falo de Valentín, a quen coñecín persoalmente, decátome de que el tamén foi «produto» do proxecto do meu pai. De Barreiros saíu xente moi preparada, coma el, que viña de familias que non sabían nin ler nin escribir.

—En plena ditadura, non houbo problemas por ter un modelo educativo diferente?

—Meu pai era unha persoa moi entusiasta. Foi ver directamente ao ministro e viron un home tan ilusionado e emprendedor, tan convencido do que quería, que o deixaron facer, dentro do posible. Eu estudei en Fingoi dende os catro anos e o seu proxecto sigue vivo, adaptado aos tempos.

—Xela tamén foi rompedora.

—Co paso do tempo eu tiven una relación estreita co seu pai, porque escribiu un libro sobre o meu; con ela non tanto, pero seguía os seus pasos. Parecíame interesantísima, cun pensamento tremendo e moi diverso para ser unha persoa tan nova que, ademais, viviu a súa mocidade nunha época difícil, co paso da ditadura á democracia. A súa apertura de miras permitiulle ser a magnífica creadora que foi. Falou de ecoloxía, interdisciplinariedade...

—Que papel ten a música en Fingoi?

—O centro de música é unha parte fundamental pola mestura de disciplinas, a práctica, o contacto dos rapaces coas artes. Unha implicación que estivo moi presente en Xela e tamén no seu pai.

—Leva dous anos de celebración.

—Si, o ano pasado as Letras Galegas foron para o noso primeiro director, Carvalho Calero, e este para unha alumna. Levamos dous anos facendo proxectos e actividades e non queremos parar. Pero estamos especialmente contentos con Xela porque por fin conecta coa mocidade.