«Vexo a gran necesidade das familias de falar, hai moito estrés familiar»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia BARREIROS/LA VOZ

BARREIROS

Pepa Losada

Con 30 anos en Educando en Familia, este ano tén «máis valor que nunca», sinala a mestra orientadora Encarna Santos

01 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O inicio do curso do programa Educando en Familia -que na Mariña levan Encarna Santos máis Estefanía Eijo- foi moi revelador para estas mestras orientadoras, con formación permanente. Están sorprendidas da «boísima» resposta que están obtendo das familias, necesitadas agora máis ca nunca dun espazo para expresarse e compartir: «Tiveron un confinamento moi duro. As reunións antes presenciais nos coles dos seus fillos son agora por WhatsApp, correo, Abalar Móvil ou blogues». Por iso, este ano contan con ter ás familias que viñan, máis novas incorporacións. Cada curso, a media de familias mariñás en Educando en Familia supera as 200, sinala Encarna Santos (Barreiros, 1963), que leva tres décadas de experiencia en Educando en Familia.

—No seu caso suma xa tres décadas no programa que se desenrola en concellos da zona.

—Este ano, as familias teñen moitísimas inquedanzas. Date de conta de que levo 30 anos neste programa, polo cal pasaron moitas familias. Mesmo acaban de saír da reunión [onte en Vilaronte (Foz) pola mañá] dous papás e que aquí viñeron de nenos.

—Este ano, como cambiou a súa dinámica por mor do covid?

—Antes [do covid] faciamos cousas cos nenos. Agora prima o traballo coas familias, ainda que algunha vez ao trimestre imos facer algunha actividade cos pequenos. Traballamos sobre todo familias con menores de 0 a 4 anos, pero tamén algún ata 6.

—Educando en Familia serve para cubrir o baleiro que este ano se dá na educación familiar?

—As reunións de Educando en Familia sempre eran de papás e mamás cos nenos e nenas. Algunha era de temas para tratar só cos pais. Agora, dedicámonos exclusivamente a eses pero, a maiores e todas as semanas, no blogue da nosa páxina web está unha programación adaptada aos pequenos para que todas as familias, dende as súas casas, as poidan baixar. Son actividades enfocadas aos temas que tratamos. Por exemplo, agora mesmo falamos das normas ou do aproveitamento do contorno no outono cos nenos. De feito, tamén nos atopamos que no confinamento, cando estaba todo pechado, as nosas familias tiveron, todas as semanas, ese material colgado. Foi unha ferramenta que lles axudou moito, que doutra maneira non tiñan. Ademáis, tamén lles facemos un seguemento.

—Que necesidades está a detectar, derivadas da situación actual, tan difícil familiarmente?

—Estou vendo a gran necesidade que teñen as familias de falar. Hai moito estrés familiar, totalmente. Hai necesidade de compartir temores, inquedanzas...

—Educando en Familia, é máis necesario que nunca esta época?

—Educando en Familia, nos seus trinta anos, sempre tén unha gran participación das familias (duascentas e pico cada curso) pero agora, máis ca nunca, ves o valor.

—Os nenos foron uns verdadeiros campións no confinamento e agora nos colexios respetan as normas de marabilla.

—Totalmente. Emocionalmente aos nenos e nenas de 3, incluso de 4 anos, pode afectarlles a situación porque teñen que explorar a natureza, manipular, moverse... E iso non o poden facer ao cen por cen agora; vai estar todo moi limitado.

¿Que ofrece este programa tanto en reunións como en vía telemática?

Desde Educando en Familia explican: «Ofertamos un servizo onde vamos levar a cabo propostas semanais de maneira telemática no blogue que axudan a un axeitado desenrolo dos nenos/as destas idades, xuntanzas formativas temáticas presencias para adultos, espazos educativos semanais con mulleres privadas de liberdade, servizos de orientación educativa personalizada, participación en programas de radio, colaboración con distintas institucións, actividades lúdicas para participar cos fillos e fillas como contacontos, teatro de títeres...». A programación se anuncia na súa web.

Estefanía Eijo: «As familias están en terra de ninguén; con precaucións, necesitan reunirse»

En protocolos de centros educativos sinálase este año que as tutorías serán preferentemente por teléfono ou videoconferencia e so, puntualmente, presenciais. Tamén, limitan o acceso de pais, nais, tutores e familiares tutores a recintos escolares. A maiores, en moitos casos faltan as actividades extraescolares que organizaban as anpas. «É necesario darse conta de que, máis que nunca, as familias necesitan reunirse e xuntarse. Agora, nin en coles nin garderías, non teñen esa opción como antes. As tutorías teñen que ser así e reunións que se facían en grupos con pais nos centros non van ser posibles», indica Estefanía Eijo. Ela, Encarna Santos y Ana María Vázquez levan adiante Educando en Familia, con tres décadas xa de trayectoria que imprimen «valor e arraigo a este programa», chegando a diferentes concellos de A Mariña y A Terra Chá no seu caso.

No mes de setembro comenzaron o curso, este ano cunha parte telemática e «adaptándonos ós tempos agora máis que nunca». Con esta última frase abrían a carta de presentación ás familias, que aí poden atopar un espazo para resolver todas as súas dúbidas con respecto á crianza y compartir inquietudes. «É importante que os que teñen a responsabilidade, política ou non, se dean de conta de temos as familias en terra de ninguén, pero necesitan xuntarse. Que está o covid? Si. Hai que tomar medidas? Si. Somos os primeiros interesados», añade. «Seguimos crendo na urxencia educativa nos primeiros anos de vida, seguimos crendo na potencialidade educativa da familia e dos pais e nais», di. O programa conta co apoio de Xunta, Deputación Provincial e concellos.