A Xunta achegou 200.000 euros para crear un hotel en Barreiros

s. c. / d. g. BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

CEDIDA

O «Rías Altas», de tres estrelas, abrirá a finais do vindeiro mes de febreiro

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería do Medio Rural apoia cunha achega de 200.000 euros a posta en marcha en Barreiros do establecemento Rías Altas, que prevé abrir as súas portas a finais de febreiro e será o primeiro hotel de tres estrelas dese municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou onte as instalacións deste novo hotel da man da promotora, Tamara Rubiños. O proxecto obtivo unha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a través da medida Leader, que foi xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda. A contía da achega acadou o 50% do investimento (algo máis de 400.000 euros).

14 habitacións e restaurante

O establecemento ofertará 14 habitacións dobres e unha individual e tamén ten restaurante, que xa existía anteriormente xestionado polos pais da promotora e que apostará pola cociña tradicional con produtos locais.

O proxecto incide no respecto polo medio ambiente en aspectos como o uso de envases de xel reutilizables, o emprego de enerxías renovables -como aerotermia para a climatización- ou a aplicación dun plan de xestión de residuos; e tamén aposta polo emprego de elementos naturais no mobiliario e decoración, como madeira e textís de liño e algodón. Balseiso destacou que contribuirá a potenciar a oferta turística do concello e lembrou que os GDR impulsan este tipo de iniciativas produtivas.