O Arco da Vella abre paso aos nenos no Emigrante porque «o futuro son eles»

Tres nenos debutarán como gaiteiros e un como bailarín no festival que acollerá hoxe o campo das Valgas, en Barreiros


barreiros / la voz

«Os nenos teñen que ir incorporándose ao grupo dos maiores para ir pillando experiencia e pensando que o futuro son eles». Tal e como explica o seu presidente, Enrique Penabad, con esa filosofía prepara a Asociación Folclórica O Arco da Vella o Festival Folclórico Internacional do Emigrante, declarado de Interese Turístico de Galicia, e que se celebrará o sábado pola noite no campo de fútbol das Valgas, en San Miguel de Reinante, Barreiros. A partir das dez da noite, catro agrupacións folclóricas amosarán ao público músicas e danzas propias das súas terras, que teñen un gran valor cultural. Dese relevo xeneracional formarán parte nesta ocasión catro nenos e nenas. Tres deles debutarán ante o público tocando a gaita, mentres que un estrearase como bailarín. «Queremos darlle cancha a xente nova, que O Arco da Vella vaia renovándose pouco a pouco, así que por primeira vez no grupo dos gaiteiros van actuar tres nenos e nenas. Era importante que se integraran xa nas actuacións», recalca Penabad.

Ao redor de 25 persoas

En torno a 25 ou 26 membros da agrupación folclórica barreirense subirán esta noite ao escenario para interpretar pezas clásicas do seu repertorio, ademais dalgunha nova. É o caso dunha «carballesa» de Folgoso do Courel. No apartado da danza tamén haberá novidades. «Este ano tamén metemos a un cativo a bailar por primeira vez, facémoslle debutar tamén», comenta o presidente do colectivo que leva preto de catro décadas organizando un dos encontros culturais máis esperados do verán na Mariña.

Son días de moito traballo para que todo estea a punto cando comece o festival, como sinala Penabad. «Desde O Arco da Vella estamos coma sempre, tratando de traballar todos estes días e sabendo que aínda que vas chegar ao festival cansado vas ofrecer todo o mellor para o público», destaca.

Actuarán agrupacións folclóricas de Canarias (El Moral), Rusia (Song Dance Belgorie) e Tahití (Hei Show)

As culturas locais e internacionais misturaránse esta noite no Festival Folclórico Internacional do Emigrante de Barreiros, que chegará á súa trixésimo oitava edición pletórico de vida. Os centos de mariñáns e visitantes que se reúnan hoxe no campo de fútbol de San Miguel de Reinante poderán gozar das danzas e músicas de catro agrupacións folclóricas de moitísimo nivel. «Sempre tratamos de pensar no público asistente», subliña o director de O Arco da Vella, Enrique Penabad. En detalle, actuará en Barreiros a Agrupación Folclórica El Moral, de La Laguna (Tenerife), en Canarias, que no abano de ritmos e movementos que ofrece inclúe pezas do estilo das de Los Sabandeños.

Exotismo e folclore forte

A parte máis exótica chegará da man do grupo Hei Show Tamure, de Tahití. Finalmente, «a parte máis movida, máis atlética», será ofrecida polo grupo ruso Song Dance Belgorie. «É un tipo de folclore moi forte», comenta Penabad.

«É un orgullo situar a Barreiros desde o noso folclore no mapa, con grupos como o de Tahití»

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca que, logo de tantos anos, os veciños asumen «como algo moi propio» o Festival do Emigrante. «A xente está moi implicada e moi orgullosa del, e aí está a clave do éxito», subliña.

-Que supón para Barreiros esta celebración?

-Significa situar a Barreiros desde o noso folclore no mapa, con grupos como o de Tahití. É un pulo para Barreiros moi importante. É moi fermoso ver o teu folclore rodeado doutros folclores internacionais tan distintos. Esa é a capacidade que ten facer un evento deste tipo, e por iso quero felicitar a toda a xente que o fai posible.

-Participou algunha vez no festival?

-Eu bailaba cando era pequena, no grupo infantil, aínda que nunca cheguei a participar no festival. Practicamente todas as persoas de Barreiros pasaron por O Arco da Vella.

Foliada, empanada e bolos preñados animaron onte a noite na Praza do Souto

Desde que o festival do emigrante de Barreiros foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, O Arco da Vella organiza na véspera unha animada foliada. Ducias de persoas desprazáronse onte ata a Praza do Souto para compartir un tempo de música tradicional no que tamén houbo espazo para a gastronomía, posto que os asistentes puideron degustar empanada galega e bolos preñados, entre outros. Ademais de membros, colaboradores e simpatizantes do grupo organizador, estaba prevista a participación de pandereteiras de Ribadeo, de membros do grupo Os do 21, de O Vicedo, ou de agrupacións folclóricas de distintos lugares do entorno, como San Tirso de Abres. Tamén que se achegasen ata a Praza do Souto integrantes do grupo canario que participará hoxe no festival, cos que compartir un tempo de goce e intercambio de experiencias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arco da Vella abre paso aos nenos no Emigrante porque «o futuro son eles»