«Non é chegar e encher, ninguén cambia un concello nun día»


Barreiros / La Voz

O luns día 17, o espertador de Ana Ermida (1983, Barreiros) soou ás 6.10, unha hora máis tarde do habitual nos últimos dous anos, cando se viña erguendo ás 5.10 para viaxar ao Concello de San Sadurniño para traballar na área de Secretaría e Intervención. Pero aquel día uns minutos fóronlle suficientes para chegar ao seu novo emprego, para entrar no consistorio lucense de Barreiros e facer historia como a primeira alcaldesa do municipio.

Ana Ermida é nacionalista, pero non de berce, nin tampouco da canteira de estudantes de Santiago, onde se licenciou en Dereito. Coma Celso Emilio Ferreiro, que falaba galego porque si, porque lle gustaba e lle petaba, ela ingresou en Galiza Nova con 16 anos. Un impulso, unha convicción -«penso que o noso país está necesitado de xente que loite e que o defenda, e non podemos facer outra cousa», di-, que se reforzou co tempo. Fai catro anos gravou no seu ombreiro dereito unha tatuaxe de Rosie a Remachadora, a figura icónica nos Estados Unidos e da loita laboral das mulleres. Pero cun acento galego: á Rosie remangada engadiulle unha estrela roxa de cinco puntas e un verso de Rosalía: «A estrela que brila», do poema Negra Sombra, que tamén está na lápida de súa nai.

Ana Ermida repetiu como candidata e gañou. Certo é que o trunfo do BNG en Barreiros víase vir, cun PP en caída polo estigma do urbanismo desaforado. «Podías intuílo, pero había que gañar. E, con todo, costa crelo», sinala. Así, o BNG, co apoio dunha concelleira socialista, rachou con catro décadas de goberno de centro dereita.

Tras a celebración chegou o primeiro día de traballo: «Entrei cunha sensación de preguntar: por onde imos empezar?». Son moitas as expectativas xeradas, e Ana Ermida sábeo, pero fala con prudencia, lonxe de estridencias. Que non se espere unha revolución en Barreiros: «Non é chegar e encher. Ninguén cambia un concello nun día». Vén de traballar da Administración e sabe que «unha cousa é o desexable e outra o que se pode facer. Hai compromisos que cumprir, cousas que funcionan ben e outras que revisar». E sobre o urbanismo, engade: «O mal está feito e hai que ir pouco a pouco, planificando de novo».

Pero algo xa se move en Barreiros. Ermida baixou o soldo que lle correspondía de 40.000 a 29.000 euros. Un xesto, un paso, di, nun obxectivo: «Mudar a imaxe e recuperar o orgullo de ser de Barreiros, que nos últimos anos perdeuse».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Non é chegar e encher, ninguén cambia un concello nun día»