Amiga

Estíbaliz Veiga BURELA/LA VOZ

BARREIROS

21 may 2019 . Actualizado a las 14:58 h.

Hoxe quero ser amiga e quero ser irmá, compañeira e filla.

Admiro á primeira directora que tiven, Patricia Alonso. Hai 16 anos faciamos, coa marabillosa actriz Feli Manzano, o seu proxecto de fin de curso da EIS, a curtametraxe A Contratempo. Eu, coidadora inconsciente do valor da vida dunha anciá que vivía cada día a tope, xa que estaba a piques de morrer. A vida real tivo camiños semellantes. Forxamos unha sólida amizade que a día de hoxe me fai sentila como familia.

Está vivindo un verdadeiro pesadelo e, sendo a persoa máis discreta que coñecín en anos, vese obrigada a escribir en Facebook aquilo que ninguén quere escoitar.

Quixen darlle voz. Sendo a hipotética filla futura que narra a mesma historia á desesperada.

Resumo moito as súas verbas: «Non me gusta falar da miña vida persoal, e menos en redes sociais, pero dada a difícil situación que estamos vivindo e do xeito en que chegamos a ela, creo que ten que ser coñecida, por varias razóns. Meu pai ensinoume a loitar polo que é xusto e a ter valores, pero agora non pode facelo, así que depende de nós. O responsable disto non pode quedar impune do descoido mostrado unha vez que soubo o que tiña meu pai. O tratamento recibido, a falta de empatía na situación. Espero tamén axudar a que isto non volva ocorrer. Meu pai foi operado dunha válvula nun centro hospitalario, operación que repiten alí 700 veces ao ano. Despois de meses de imposible recuperación descobren que todo é debido a unha bacteria filtrada pola máquina extracorpórea, mal desinfectada, afirman diferentes cultivos positivos».

O pai de Patricia, sentenciado a morte. A familia reclama que se recoñeza a verdade.

*Estíbaliz Veiga é actriz, de Barreiros.