O alcalde de Barreiros envía cartas a 11 promotores para que en catro meses actúen nos edificios abandonados

La Voz BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

XAIME RAMALLAL

Cinco destas urbanizacións en esqueleto están xa en propiedade dos bancos; os veciños queixábanse na Voz da suciedade e de que hai cobras

25 abr 2019 . Actualizado a las 18:15 h.

O Concello de Barreiros, na facultade que lle confire a Lei do Solo, remitiu xa a 11 propietarios e promotores dos edificios inacabados os requerimentos para esixir que nun prazo de catro meses actúen nestas estruturas, ben para acabalas ou ben para que procedan a súa demolición. O alcalde xa anunciara a súa intención de enviar as cartas semanas atrás, como informou no seu día La Voz. Os veciños queixábanse entón da suciedade e de que hai cobras.

En total, advertiuse ós titulares de 11 promocións -cinco das cales son xa titularidade de bancos e entidades financeiras-, con edificacións en esqueleto en San Cosme, Moás, Remior, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante. O goberno local que encabeza Alfonso Fuente «quere dar un paso máis na loita contra o feísmo que dana o municipio, froito da crise inmobiliaria e da situación de impás urbanístico que provocou a actuación do goberno bipartito da Xunta de Galicia e que resolveu en favor do Concello en recente sentenza xudicial», lembra Alfonso Fuente.

Ademais, Fuente Parga incide na situación de risco para a seguridade das persoas e na insalubridade destas infraestruturas e no seu abandono, polo que lembra aos propietarios «a súa obriga de manter os bens inmobles en condicións óptimas de coidado e ornato público», dilles.

O alcalde facultou tamén aos técnicos municipais para que recaben información sobre outras posibles construcións que se atopen en similar situación para realizar, con posterioridade se é necesario, unha nova fase de requerimentos. «Empezamos cos edificios cun maior impacto estético e no ornato público», explica.