«Tiven ofertas polo 'campanu' pero eu decidín non vendelo»

O primeiro salmón da tempada no Eo que capturou quixo disfrutalo onte á brasa coa familia e amigos


O VALADOURO / LA VOZ

Tan bo premio é pescar o primeiro salmón da tempada do 2019 no Eo (ela é a primeira muller que o consegue) como comelo en grata compaña. Con seus pais e amigos degustou onte o «campanu» que pescou no coto do Lourdeal Marta Geada (O Valadouro, 1974), arquitecta de profesión.

-Que destino ten o salmón?

-Ímolo comer, á brasa.

-Máis que en Sábado Santo era mellor para o Venres Santo por iso de non comer carne ese día...

-Pero eu soa non o ía comer o venres. Comémolo meus pais, uns amigos e máis xente, onde vivo, en Barreiros. Somos un total de 22, pero o salmón é grande.

-Unha moi boa peza, logo.

-Si que o é. Eses salmóns grandes foron ao mar máis dunha vez.

-Relate como picou este.

-Foi un pouco sorprendente. Primeiro pensei que o ‘campanu’ xa saíra porque a tempada xa empezara e non era o primeiro día. Fun só disfrutar do río e da natureza na Semana Santa. Pesco porque me gusta o río, non porque me guste pillar peixes. De feito, nin madruguei; empecei pasadas as nove. Xa empezaba a dicir ‘vou parar’ cando pensei en botar uns lances doutra maneira e no segundo picou. Cando picou dixen ‘salmón!’ aos meus compañeiros e resulta que era o primeiro do Eo. Nese río onde aprendín a pescar o salmón é ao que lle teño especial cariño, sobre todo á xente de San Tirso que me ten ensinado. Estaba o garda do río, que xa nos coñecía, veu ao coto e díxome ‘imos precintalo xa’. Dixen ‘pero se temos todo o día’. ‘Como que todo o día? É o campanu do Eo!’ respondeu. A primeira sorpresa foi a miña porque pescar un salmón ten un punto de sorte hoxe en día.

-Que valor lle dá a esa captura?

-A pesca, sobre todo en Asturias, ten unha tradición especial que debemos respectar. Ao ‘campanu’ hai que valoralo. No Eo teño practicado pesca sen morte e algún me comentaba como non o devolvín ao río. Fíxeno por respeto a ese mundo e á súa xente.

-Debo preguntarlle se lle quixo mercar algún restaurante o peixe.

-Si. Recibín ofertas de restaurantes asturianos que tiven onte [por antonte] e nin as valorei. Unha vez decidín non vendelo, non o vendo. Foi por unha razón ética. O meu foi o máis grande dos campanus que se capturaron ata agora nos ríos de Asturias.

-De onde lle veu a afección?

-Á persoa que me ensinou, que foi Isidro, o meu compañeiro. Ama o río. Non tiña moitas alternativas cando ía con el. Tiña claro que me negaba a mirar: ou aprendo ou tomo outra decisión. Levo uns 18 anos pescando. É incrible; son de zona rural pero na miña familia non tivera nunca relación co río e nunca pensaba nel.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Tiven ofertas polo 'campanu' pero eu decidín non vendelo»