Eu Son

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

BARREIROS

05 mar 2019 . Actualizado a las 18:55 h.

Un dos actores de Campeones, a exitosa película dirixida por Javier Fesser, protagonizou o momento máis emotivo na pasada gala da 33.ª edición dos Goya, en febreiro. Jesús Vidal facíanos chorar no fin do seu discurso con estas palabras: «Queridos padres, a mí si que me gustaría tener un hijo como yo para tener unos padres como vosotros». Agradecido, ilusionado, positivo, cheo de luz... Podería darlle moitos adxectivos de valoración e admiración a este actor revelación.

Revelación? Este premio non só nos revelaba o actor comprometido co seu traballo co personaxe de Marín; a «revelación» para o país, para todos os que puidemos ver a peli e empatizar con esta equipa de xogadores perdedores (de prexuízos), foi a confirmación de que as persoas con capacidades diferentes son válid@s e necesari@s no mundo laboral.

En decembro fun tan honrada que presentei en Burela a Gala Benéfica da EU SON, fundación sen ánimo de lucro que se dedica á protección de persoas con discapacidade intelectual. Foi verdadeiramente emocionante dar paso a variados números musicais de gran calidade interpretados por membros da equipa e da súa rapazada. A misión é mellorar a calidade de vida das persoas adultas con discapacidade intelectual e as súas familias, facilitando e proporcionando os apoios individuais precisos que favorezan a súa autonomía persoal e integración social e laboral.

Debera ser misión de tod@s @s que nos consideramos tan pouco especiais e que nos asumimos «normais», eu son diferente, eu son perdedora de prexuízos, eu son «non normal». Eu son!

Parabéns aos pais de Jesús Vidal por ter un fillo coma el.

*Estíbaliz Veiga é actriz, natural do municipio de Barreiros. O 4 de maio actuará en Viveiro, e o 3 en Burela con «Castrapo»