«Non se pode seguir cavando un furado que está levando a Barreiros á ruína»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BARREIROS / LA VOZ

BARREIROS

PEPA LOSADA

Ermida cre que o BNG é a alternativa real de goberno. Aspira a ter a candidatura pechada nun mes

07 feb 2019 . Actualizado a las 16:06 h.

Ana Ermida (Barreiros, 1983) foi probablemente a primeira en confirmar a súa candidatura e toda a comarca. Fíxoo en xullo pasado, nun acto ao que acudiron 150 persoas. A voceira municipal do BNG aspira a ser a rexedora de Barreiros, un concello no que gobernan os populares (6 edís ten o PP, 4 o BNG e 1 o PSOE). As de maio serán para ela as segundas eleccións como cabeza de lista.

-Medraron en votos do 2011 ao 2015. Como afronta o reto de maio? Que sensacións lle transmite a xente?

-Cremos que hai malestar social e cansazo na xente, sobre todo polo abandono e pola falla de atención do Concello en todos os ámbitos. Agora mesmo somos a alternativa clara de goberno e saímos con toda a ansia de dalo todo. Estamos traballando nun programa de goberno elaborado tras coller ideas en reunións cos veciños. Queremos que sexa ambicioso, pero realista. Non queremos enganar a ninguén, nin prometer imposibles. E tamén estamos preparando un equipo de traballo con vistas a ter un goberno serio, con comunicación e con capacidade.

-Que tres cousas habería que cambiar xa en Barreiros?

-A primeira, fundamental, cambiar a xestión económica que se está facendo. Non se pode seguir cavando un furado que está levando ao Concello á ruína práctica. No último pleno falouse dos case 600.000 euros que quedaron sen pagar. Non podemos seguir deixando medrar esa bóla. Outra importante, a participación da xente. É necesario que a xente se sinta escoitada e que se teñan en conta as súas necesidades. É importante pisar os camiños, falar coa xente, planificar o traballo que se vai facer... E terceira cuestión: organizar internamente o traballo e o persoal municipal. O que non pode ser é que se estean destinando fondos a empresas privadas cando hai capacidade co persal municipal para facer. O único que falta é que o Goberno organice.

-A repercusión de asuntos urbanísticos segue dando que falar. Librarase Barreiros a curto ou medio prazo desa mala imaxe?

-A cuestión urbanística tivo moito peso no seu momento, pero non só pola cuestión urbanística en si, senón por todas as consecuencias que viñeron despois. No 2006, o ano gordo, houbo un incremento de ingresos moi importante, ingresáronse case dous millóns de euros só por licenzas que desapareceron literalmente do Concello, dilapidáronse. Non se gastaron en ningún investimento, en ningún edificio, en nada que se poida ver. Naquel momento gastouse diñeiro en contratación de persoal e iso foi xerando unha forma de xestión. Desde o ano 2006 ata agora a cousa foi cada vez a peor. A imaxe que se vende de Barreiros en todos os aspectos é cada vez peor, agora incluso a nivel turístico. Non hai ningún tipo de promoción turística, non se preocupan de promocionar e coidar as praias, que é o único que no seu momento se promocionaba. Está visto que o problema non é so urbanístico, senón que é un problema de imaxe e tamén doutros aspectos.

-Xa ten a candidatura feita?

-Non a temos pechada. Niso estamos traballando, tendo en conta as circunstancias persoais de cada un e as de dedicación. Intentaremos tela pechada a primeiros de marzo.