Lionel Rexes: «Gañar un Lueiro Rey é especial para calquera escritor»

leticia castro O GROVE / LA VOZ

ALFOZ

CEDIDA

O autor lucense foi galardoado por segunda vez no certame grovense, desta volta coa novela «A montaña do poeta»

22 dic 2021 . Actualizado a las 20:11 h.

Lionel Rexes non é novo nisto da escritura, nin tampouco no Premio Lueiro Rey. O autor de Alfoz, que se alzou a pasada fin de semana co máximo galardón do certame grovense grazas á súa obra A montaña do poeta, xa fora distinguido no 2016 con A raíña das velutinas, un texto que obtivo gran repercusión e lle fixo un oco no panorama literario grazas á Editorial Xerais, e que ademais se reeditou no 2018. 

Lionel recoñece que «traballar con Xerais facilita o traballo, é unha editorial moi potente, e ademais ten unha moi boa distribución». Para o lucense é sinónimo de garantía, de que as obras estean presentes en calquera libraría, así que non pode estar máis ledo. Gañar dúas veces o galardón meco non é pouca broma, sobre todo se temos en conta que se trata dunha cita consagrada, tras 28 edicións e cun peso importante no panorama literario segundo din os entendidos.

Pero non é valioso só por iso, senón porque , tal e como comenta Rexes, «para nós os escritores o Lueiro Rey ten algo de emotivo, é un premio de prestixio adicado a alguén que lle deu moito á literatura galega». A verdade é que o gañador da edición deste ano tiña confianza en volver saír triunfante coa súa nova novela porque foi un texto que traballou moito e confesa que levaba na súa computadora varios anos: «Mudeina, refíxena e ata lle cambiei o título; é un deses traballos que sometes a unha mudanza exhaustiva».

A montaña do poeta xorde dun vínculo real entre unha casa deshabitada de Alfoz e o poeta Noriega Varela, un misterio que o autor aínda non quere desvelar e que ten a súa orixe nos anos 30 do século pasado. A partir dese acontecemento, Rexes desenvolve unha obra de ficción traída ao tempo presente. Unha das tramas principais desta novela ten relación coa política penitenciaria utilizada de xeito vingativo por parte do poder, e a partir de aí van xurdindo argumentos secundarios», comenta. Un punto de partida interesante, dende logo, para enganchar ao lector.

Pasarán algúns meses ata que o libro sexa editado e publicado e poidamos mercalo nas librarías, e mentres tanto, Lionel seguirá traballando en varias novelas que ten entre mans: «Sempre teño máis dun texto sobre o que seguir», para que vexan a luz máis pronto que tarde, porque asegura que están xa case rematados.

Confiemos en que A montaña do poeta teña tamén que reeditarse igual co seu anterior libro, «algo que sería boísimo», indica, aínda que sabe que o panorama editorial é moi apertado «porque agora hai moita xente escribindo». Rexes amósase feliz porque isto significa que en Galicia cada vez se publica máis, «e iso é beneficioso para a cultura».