Alfoz convida aos novos a crear un mural xigante sobre Rosalía

La Voz

ALFOZ

Real Academia Galega

17 feb 2020 . Actualizado a las 19:57 h.

A recta final do mes de febreiro sempre nos lembra a varios persoeiros ilustres do mundo das letras galegas pero unha delas destaca: Rosalía de Castro. O vindeiro luns 24 virá á nosa memoria o seu nacemento e son xa varios concellos os que preparan diversos actos a modo de homenaxe, sempre merecida, á escritora.

Alfoz é un deles, con varias iniciativas en marcha. Unha delas quere implicar aos máis novos da casa ofrecéndolles un obradoiro creativo na Biblioteca Pública Municipal ese día, que será de 10.00 a 12.00 horas, dirixido a menores de 3 a 14 anos que xa poden anotarse. O prazo acabará este mércores 19, tanto no colexio, como no instituto como na mesma biblioteca, así como na web municipal. «Os participantes —explican— elaborarán diferentes ilustracións de Rosalía e un mural xigante en 3D».

Este último vaise incorporar á exposición que a área de Igualdade do Concello alfocense abrirá, con tema central baseado na biografía e obra da autora, «como referente pioneira do feminismo na literatura», sinalan. A mostra levará por nome «Rosa, rosa... Rosalía».

No obradoiro, tamén os participantes farán pictogramas e chapas coa imaxe da poetisa.