«Fago un balance frutífero. Traballouse moito e fixéronse moitas obras»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO ALFOZ / LA VOZ

ALFOZ

MIGUEL PAZ

Jorge Val, alcalde de Alfoz, destaca a importancia de homenaxear aos maiores do municipio

06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá celebrarase no municipio de Alfoz o XXVII Festival da Terceira Idade, que nesta ocasión congregará a uns 218 veciños do municipio. Haberá misa ás 12.30 horas na igrexa parroquial de San Pedro de Mor e, a continuación, entre outros actos, celebrarase unha comida de confraternidade na Finca Galea. Jorge Val (PSOE), o alcalde de Alfoz, participará nesta celebración: «Con esta festa queremos facerlle un recoñecemento aos nosos maiores. É unha homenaxe despois de tantos anos de traballo e de sacrificio polas novas xeracións. Moitos deles tiveron que emigrar. Ademais, para eles é un día de confraternidade porque moitos non se ven no resto do ano». Jorge Val, agora prexubilado de Alcoa, confesa que ten máis tempo para o Concello e para atender aos veciños. O seu tempo libre adícallo á pesca e tamén á apicultura: «Este ano non tivemos a penas problemas coas vespas velutinas. Cremos que funcionou ben o trampeo dos apicultores».

?¿Que balance fai do traballo do equipo de goberno nesta recta final de mandato?

?É un balance frutífero. Traballouse moito e fixéronse moitas obras. Creo que se fixeron moitas cousas, tanto a nivel adminitrativo, como de mellora de servizos. Acometéronse melloras na traída da auga, na recollida do lixo, no tema do turismo e no aspecto cultural. En canto a infraestruturas, melloráronse os accesos a vivendas, o alumeado público, hai novos equipos na potabilizadora...

?¿Con que proxectos están agora volcados?

?Estase traballando na última etapa de varias concentracións parcelarias do concello e tamén estamos con obras viarias. A Deputación Provincial arranxará proximamente a estrada do Pereiro. En canto ao Plan Único, falta por contratar o de 2017. Fixéronse alumeados públicos, melloráronse servizos, contratouse persoal, acometéronse melloras no pavillón polideportivo, tamén se fixeron melloras na piscina e na Casa do Concello, con novas oficinas e coa renovación de equipos informáticos. Tamén traballamos para mellorar os servizos sociais co obxectivo darlle cobertura ao maior número de veciños. Esperemos ir avanzando e cubrir o 100 %. Tamén concedemos axudas á natalidade e continuamos coas subvencións a escolares do noso municipio que se teñen que desprazar para continuar estudos de Bacharelato ou FP a outros puntos da comarca e de fóra.