A Mina Consuelo, a segunda cavidade de Galicia, ábrese á arte

CELTIA TRAVIESAS (XESTECO)

A PONTENOVA

CEDIDA POR CELTIA TRAVIESAS

06 jun 2022 . Actualizado a las 17:39 h.

A idea é a seguinte: chegas ao centro da Pontenova e aparcas o coche na Praza dos Fornos. Aínda non sabes ben que son estas cinco chemineas, pero logo vas descubrilo. Aquí comeza o roteiro guiado. Comezas a subir a montaña por un carreiro costo e conforme te achegas á boca da Mina Consuelo a paisaxe parece transformarse na da película Avatar, unha sorte de selva tropical. Só que esta é fresquiña. Estás no fondo dunha gran trincheira escavada na roca e cuberta de lianas; a potente voz de Mónica de Nut álzase en arias de ópera entre castiñeiros e bidueiros. Parece un soño, pero non. Por estraño que pareza, segues neste pequeno concello do interior da Mariña lucense, pegado a Asturias, que a xente adoitaba deixar atrás ao seu paso pola estrada xeral, sen saber que garda un incrible tesouro no seu interior.

A Mina Consuelo é a segunda maior cavidade de Galicia e a única galería mineira aberta ás visitas que existe no país. Comezou a explotarse a inicios de 1900 e leva case cen anos sen actividade mineira, polo que está completamente naturalizada. De titularidade municipal, foi inaugurada, xunto á maior tirolesa de Galicia, o pasado mes de febreiro. Agora, dende Xesteco, a empresa que xestiona os roteiros guiados e as visitas á mina, decidimos dar un paso máis e ofrecer unha experiencia exclusiva que combina arte e natureza e que denominaron espeleoarte. Pensamos que un lugar desta beleza merecía ofrecer algo especial, tanto ás veciñas e veciños da Pontenova como ás persoas que nos visitan. A idea das intervencións artísticas é algo que sempre tivemos en mente, entre outras cousas porque nos parece importante xerar innovación cultural desde contextos rurais. Por iso contactamos coa comisaria Natalia Balseiro, que nos axudou a darlle forma á idea. Foi ela a que propuxo a Mónica de Nut, que é unha artista versátil, afeita a facer intervencións ao aire libre.

Ao longo do percorrido, Mónica de Nut interpretará arias de ópera, improvisación con armonio e canto tradicional galego. O obxectivo é que os participantes se mergullen nunha atmosfera máxica de natureza, pedra e canto. Esta iniciativa é unha proba piloto; se funciona traeremos cada tempada a un/unha artista diferente. A actividade terá lugar o sábado 11 cun pase a mediodía (con saída ás 12.30 horas), igual que o domingo 12. Os participantes recibirán unha bolsiña cun exclusivo picnic. As reservas pódense facer online a través da páxina web: tirolinadasminas.com. Algúns aloxamentos, como A Casona de Labrada, ofrecen descontos para as persoas que desexen gozar deste evento.