—Ten en o seu propio equipo?
—Sí, creei o meu propio grupo e agora dende a USC tamén estamos participando nun proxecto de investigación interuniversitario na rama de ciencias económicas que se chama ECOBAS. Ando estudando as consecuencias do post-incendio: que acontece con esa terra degradada ou canto custa volver a ter terra produtiva que ardeu? Tamén estou traballando no impacto do cambio climático nas zonas costeiras, dende unha perspectiva máis social medindo os impactos (dependendo dos escenarios climáticos máis posibles, e de non facer nada, podemos pensar en que imos perder o 7 ou 8% do PIB anual, o que é incríble porque sería coma un covid permanente) pero tamén estudo, por exemplo como o cambio da temperatura nos está afectando na vida habitual. Son dúas ramas de investigación, xunto con outro pequeno proxecto sobre o efecto que ten a espiritualidade no Camiño de Santiago, con outras percepcións. Baseome en sondaxes, enquisas e novas fontes de datos como son incluso as redes sociais (empregamos tamén Twitter como ferramenta de estudo e análise porque aí vértese infinidade de información).
«Cantos máis heteroxéneos sexan os equipos científicos máis interesante vai ser a ciencia»
O seu traballo semella discreto e silencioso. María Loureiro asinte, engadindo: «En ciencias sociais é un traballo tamén de laboratorio entendendo que non levamos bata branca ,pero si que temos que poñernos diante das estatísticas, diante das persoas que enquisamos, das fontes de datos máis diversas, e estudar as distintas relacións causa-efecto... Efectivamente, é un traballo que require humildade porque tes que ir como se non souberas nada, cada vez. A mellor forma de encarar un novo proxecto de investigación é cunha mirada fresca».