Heredeiros da Crus actuarán no Festival das Minas na Pontenova

s. corral A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

CEDIDA

O 14 de decembro tamén abrirán a mina Consuelo, só para espeleólogos

26 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, asinou coa Asociación Cultural e Deportiva das Minas un convenio de colaboración por valor de 7.500 euros para a organización da XIII Edición do Festival das Minas da Pontenova, que terá lugar o vindeiro 14 de decembro na praza dos Fornos vila pontenovesa, e onde ofrecerán un concerto Heredeiros da Crus. Nesta ocasión o programa inclúe tamén, por primeira vez, unha baixada á mina Consuelo, exclusiva para espeleólogos federados, que porá en valor o patrimonio e a tradición mineira do concello mariñao, un dos principais obxectivos cos que naceu este festival.

«Este ano temos un dos mellores carteis do festival, grazas ao apoio económico da Deputación e o Concello, pois contaremos cunha das primeiras paradas da nova xira dos Heredeiros da Crus», afirmou Luís Miguel Rivas, membro da directiva da Asociación Cultural e Deportiva das Minas, quen tamén quixo agradecer o apoio a toda a xente da Pontenova e aos antigos traballadores das minas, que foron homenaxeados en pasadas edicións do festival e que seguen participando na cea, así como a todos os asistentes.

Mónica Freire quixo destacar o traballo dinamizador da ACD As Minas, con iniciativas culturais, sociais e mesmo deportivas na localidade.