«Imos gañando as fabas para o caldo»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

PEPA LOSADA

A Tenda de Manolo chega aos setenta anos na Pontenova

04 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Setenta décadas dan para contar moitas cousas, anécdotas, vivencias, malas e boas experiencias... e así de cheo está hoxe o baúl dos recordos de A Tenda de Manolo. Dos 55 comercios típicos rurais que había na Pontenova, hoxe quedan tres e este é un deles. Coma sempre, no establecemento de Manolo Veiga o cliente pode atopar case de todo, aínda que o xerente veu un filón dende hai anos no bum do montañismo e o sendeirismo. Traballa con marcas moi destacadas no sector.

-Este tipo de comercio parece hoxe en perigo de extinción.

-Quedamos tres tabernas de pobo, unha aquí na Ermida, outra en Rececende e outra en Xudán. Chegou a haber 55. Na Ermida chegou a haber catro funcionando a un tempo, e son 30 casas. Antes como non había estradas viñan aquí buscar as cousas a cabalo ou ao lombo, como podían.

-Son como un Amazon rural. Teñen practicamente de todo!

-Máis ou menos, pero sen Internet. Aquí podes mercar unha punta, un saco de penso, unha chaqueta ou bota de Gore-Tex, uns calzóns, unhas bragas, unha toalla, unha colonia, froita ou tomar un petisco. De todo non ten ninguén, nin El Corte Inglés.

-Como seguen adiante?

-Se non fose pola venta de roupa e calzado, malamente chegariamos para pagar impostos. En alimentación o problema son os prezos, que son iguais aquí que na rúa da Raíña en Lugo, e hai moita competencia. Senón, sería unha taberna máis pechada no concello da Pontenova.

-O Gore-Tex, entre comiñas, foi o voso «salvavidas» entón.

-Si, si, por suposto. Apostou por nós un representante de Bestard (Mallorca) en calzado, tamén temos Trangoworld (Zaragoza) en roupa, calcetíns térmicos Lorpen (Navarra) e bragas do pescozo Buff (Cataluña). Hai 25 anos empezamos con Bestard e tiven que andar chamando nas portas para que me venderan. Cousas da vida, deu unha volta, e agora son eles os que veñen a min para que merque os seus produtos. Son moi fiel a quen apostou por min.

-Todo ese éxito parece vir derivado do bum sendeirista, non?

-Tamén o Concello da Pontenova apostou pola Ruta das Reigadas. Está nun contorno moi virxe; é ideal para gozala e vivila. Á xente encántalle. Tamén supoño que é o boca a boca e que por prezo petamos máis forte. Imos gañando as fabas para o caldo...

-Parece que se ven intentos por dinamizar o rural. Como o ve?

-Saír na televisión e dicir que queremos favorecer o rural é o máis fácil do mundo, pero a realidade é totalmente distinta. Pides un permiso e tarda sete meses a resposta. Non obstante, podo dicir que estou moi contento co alcalde e a corporación que hai na Pontenova, porque resolven. Fóra de aquí, xa cambia.

-Ten venda por Internet?

-Non, a min gústame o trato personalizado. Despois de tantos anos acordo ata do número que gasta un cliente. Teño bastante boa memoria. Incluso lle vendín a unha clienta de Barcelona unha mochila para ir ao Resurrection Fest. Veu a tiro fixo, por certo.

Segunda xeración. Fundárana en 1949 como A Taberna do Ferreiro súa nai Jesusa Pérez e os tíos Isaura Pérez e Manuel Díaz. Logo chamouse A Taberna de Jesusa, tamén con seu pai, Francisco Veiga, zapateiro artesán á fronte. Manolo Veiga Pérez, xunto coa súa muller Lines Villarino, rexentan hoxe o comercio como segunda xeración.

EN BRANCO E NEGRO

Foto antiga da actual A Tenda de Manolo, de hai uns 35 anos, segundo calcula o propietario. O establecemento foi reformado no ano 1992: «Foi un cambio completo, quedou totalmente distinta a antes».