«Non ter xa gardas foi o meu maior alivio nestes 30 anos da farmacia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía CERVO / LA VOZ

A PONTENOVA

PEPA LOSADA

Azucena Cabodevila, profesional, de A Pontenova celebra o 30 aniversario do seu establecemento

16 ene 2019 . Actualizado a las 22:05 h.

Quédanlle tres anos para poder acollerse á xubilación. Aínda falta pero o tempo pasa rápido, como se pode comprobar vendo as tres décadas da farmacia de Cervo da que é titular. Chamamos onte a Azucena Cabodevila Fernández (A Pontenova, 1957) para entrevistala co gallo do 30 cabodano do establecemento. Resposta: «Pois non me acordaba nin do 30 aniversario. Eu non son nada de lembrar datas porque nunca estou pendente delas».

-Pois avisámola nós.

-(Sorrí) Agora si. Xa que o penso, seino polas nenas miñas. Ana aínda non tiña un ano cando abriu a farmacia.

-A farmacia era coma outro ‘fillo’.

-Por iso! Paula [a outra filla] fixo Farmacia, seguiu os meus pasos pero quizás porque lle dixeramos tanto seu pai coma min que ‘debía facer farmacia porque tiña traballo seguro’. Estás sempre aconsellando. Pero chegou un momento en que ela di: ‘Case me obrigástedes’. O que queriamos é que non se encontre sen traballo, porque a licenza da farmacia xa a tería.

-Pensaron nela como relevo?

-Si. Paula era a máis ‘indicada’ porque críamos que lle gustaba algo máis o da farmacia...

-Nestes 30 anos, como foi modernizándose a farmacia, tendo en conta a súa ubicación non tan urbán coma outras na comarca.

-Pero realmente é unha zona de moito de paso porque a xente hoxe desprázase a todas partes. Se non tivese a clientela a gusto, evidentemente non tería por que parar aquí. Teño clientela de sempre e sempre estiven contenta con ela. Non sei se eles comigo tamén (sorrí). Algún cliente vén de fóra. Por outro lado, gústame a medicina natural e sempre me andiven informando, ata tiven tendencia a traballala un pouco pero sempre en casos puntuais e a xente que lle interese como alternativa. A min gústame.

-Na actualidade hai bastante polémica en terapias alternativas.

-En España so. Noutros países de Europa están consideradas como outra terapia, que non substitúe á convencional pero si apoia.

-Na Farmacia Azucena Cabodevila, que é o que máis se dispensa?

-Depende da temporada. Agora estamos na das gripes, resfriados, catarros... Sobre todo pídense analxésicos, antinflamatorios, para problemas de lumbares...

-Non todo se cura cunha pastilla.

-Por iso me fun a outra vertente. A pastilla é para o momento, pero hai que buscar a orixe.

-Deberíanse coidar máis a alimentación ou o exercicio para non ter que recorrer tanto aos medicamentos?

-Fixen moitos cursos e tanto a alimentación como o exercicio son os piares básicos para estar sans. Máis que as medicinas.

-Como lembra a inauguración da farmacia no ano 1989?

-Foi un acontecemento. Levaban dez anos sen ter farmacia, porque se fora para núcleos máis grandes, como Burela. Esta de Cervo custou conseguila. Tivemos moito apoio veciñal. Había un grupo que se movía moito por Cervo. Porque xa se levara para Burela o xulgado de paz, falábase tamén da Casa do Concello... Eles estaban en plan de loitar.

-No medio deses 30 anos a farmacia sufriu un incendio.

-Si. Non sei se foi no 2015 ou 2016. Segura non estou.

-Rexurdiu das cinzas, como se di.

-Eu son positiva. A todo acontecemento malo hai que buscarlle a saída. Así que despois reformamos a farmacia. Un pouquiño para quitarlle algo de proveito...

-Seguen facendo gardas?

-Non temos gardas, porque pasan aos centros onde hai PAC. Agora teño horario normal, de 9.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.30. Sábados e festivos, de 10.00 a 14.00.

-Vive ao carón da farmacia. Vanlle timbrar á casa para abrir?

-Agora non. Antes pasaba. Estaba continuamente a pé de canón.

-Non precisa levantarse de noite.

-A verdade é que non ter xa gardas foi o meu maior alivio nestes 30 anos. Antes tiñas que levantarte a calquera hora. Agora, ter un horario estable é un luxo.