«Botamos de menos que máis produtores se inscriban na IXP Faba de Lourenzá»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

José Cuadrado, presidente da IXP Faba de Lourenzá, pregonará a festa
José Cuadrado, presidente da IXP Faba de Lourenzá, pregonará a festa Concello

José Cuadrado Oural, presidente da IXP Faba de Lourenzá, será o pregoeiro da festa, unha gran cita que Lourenzá festexa desde este venres 2

02 oct 2026 . Actualizado a las 17:33 h.

Este venres 2 de outubro comeza en Lourenzá a XXXIV Festa da Faba, festa de interese turístico e cita agraria e gastronómica de referencia no calendario galego, que se prolongará ata o domingo 4. O pregón, previsto para este sábado 3 (12 horas, Praza do Conde Santo), correrá a cargo de José Cuadrado Oural, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá desde o 2017, cargo que compaxina co de presidente de Terras da Mariña Sociedad Cooperativa Galega desde o 2014.

—Que representou para vostede ser elixido pregoeiro?

—Colleume un pouco por sorpresa, non contaba con ser o pregoeiro desta edición. Non deixa de ser un orgullo, unha honra e unha satisfacción poder pregoar a XXXIV edición como presidente da IXP e servirame para contarlle a visitantes e veciños o que significa a faba para min e para Lourenzá e para a comarca.

—E que significa para o concello laurentino e para A Mariña?

—Eu penso que é un pouco o buque insignia, o produto que lle dá nome a Lourenzá. Penso que é o modo de vida de moitas familias e representa unha historia, unha comarca e unha maneira de vivir e de poñer en valor o que é noso. A raíz da IXP simplemente se certificou o traballo ben feito que levaban décadas facendo os nosos antepasados.

—Teñen estimación de produción? Cantos produtores teñen na IXP?

—Produtores dentro da IXP somos pouquiños. Hai xente que se vai xubilando e para de producir e aos novos parece que lles está costando un pouquiño. E outro problema penso que é o medo á burocracia, aos controis e ás auditorías, cando debería ser todo o contrario porque simplemente che están certificando que estás facendo ben as cousas. É unha garantía de cara ao consumidor. Penso que a burocracia non lle debéramos ter tanto medo, parece máis do que é realmente. E cando nos ven unha auditoría, por así dicir, parece que se nos pon a pel de galiña, pero é todo o contrario. Simplemente é un selo que che dan por facer ben o teu traballo, como un recoñecemento. Deberamoslle dar a outra visión. Botamos de menos que máis produtores se inscriban dentro da IXP porque non deixa de ser polo que realmente se coñece a faba. E ás veces temos limitacións de poder conseguir produto amparado. Actualmente somos 19 produtores en toda A Mariña lucense —15 concellos— e a Faba de Lourenzá é unha produción moi limitada. É moita faba en xeral producida, pero faba amparada baixo o selo da IXP hai moi pouca produción.

—Como se presenta a campaña?

—Estamos aínda con incertidume. Hai dous meses eramos bastante negativos porque había moita seca e as plantas estaban sufrindo moito, de feito había plantas que estaban tirando xa a flor antes de criar a faba. E despois as choivas que viñeron a principios de setembro parece que reanimaron un pouquiño as fincas, colleron outra vida e fíxonos ser un pouco máis optimistas. Quizais chegaron un pouquiño tarde, recuperouse un pouco pero non de todo. A partir de agora estamos un pouco expectantes de como evolucione o tempo. As vindeiras dúas, tres, catro semanas van ser claves. Se ven un tempo seco e soleado pódese salvar gran parte da colleita, se hai unhas choivas persistentes con esa humidade van proliferar os fungos, que danarán a colleita e diminuirá a calidade e a cantidade de faba comercializable.

—Haberá moita produción de faba á venda nos postos da festa (dez casetas, oito postos de faba)?

—Espero que teñamos produto suficiente para satisfacer a demanda dos visitantes. Estamos un pouco expectantes sobre todo ao que se refire á faba fresca porque é un produto que é tan, tan sumamente delicado que o tes que facer no mesmo día. E a capacidade de man de obra é a que é. Sabemos todos que hai que desvainala man a man e eso leva moito tempo.

—Hai algún aspecto que considere importante destacar?

—Animo á xente a que veña pasar a fin de semana con nós, que aproveite para probar e degustar, e participar nas diferentes actividades. E hai que animar ao consumidor a que siga mercando e consumindo Faba de Lourenzá. Salientar que hai que ter moito coidado á hora de identificar un produto de calidade diferenciada nas tendas e nos lineais, e aquí si que creo que hai un pouco de desinformación xeral. Ás veces estamos acostumados a ver un saco de fabas aberto cun letreiro que pon ‘Faba de Lourenzá' e cada un pode coller 100 ou 200 gramos e irse tan contento para a casa, pero hai que destacar que eso non é Faba de Lourenzá. A Faba de Lourenzá a granel non está permitida á venda, só está permitida en saquiños de medio quilo e un quilo e sempre acompañados dunha contraetiqueta cun código alfanumérico da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que é o que lle dá autenticidade a ese produto. Esa é a única maneira que temos de estar garantindo que é auténtica Faba de Lourenzá, que a diferencia doutros legumes que poden vir doutras orixes. É importante informar ao consumidor para que saiba moi ben identificala nos mercados.

Haberá degustacións, música e un tren pola Ruta das Fabas

O Concello de Lourenzá, co apoio de colaboradores, organiza a Festa da Faba.

Venres 2. Haberá unha cata de viño comentada a cargo da adega Triay, da D.O. Monterrei (Claustro, 20 horas) e verbena con Toxo Guayaba e The Sound Project (Campo dos bolos, 21.00).

Sábado 3. A festa empezará ás 11.00 coa apertura das casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo, do expositor do Concello de Antas, cunha demostración e exposición de artesáns e alimentación e coa XII Vespa Faba e Clásicos; pasarrúas con Rondalla Mugardesa (11.00); pregón; «showcooking» a cargo do chef Álex Iglesias (12.30); sesión vermú coa orquestra Atenas; degustación popular de Faba de Lourenzá con viños da adega Triay e café cortesía de Hostelería do IES de Foz; pasarrúas da charanga Leña Verde; obradoiro infantil de cociña con A Morena (17.00); degustación de petiscos elaborados con carne de potro de pura raza galega, Puraga (17.30); actuación de Sheila Patricia (19.30) e verbena con Atenas e The Sound Project (22.30).

Domingo 4. Ás 8.00 horas abrirá o mercado da faba ao por maior; apertura das casetas dos fabeiros (10.00, Praza do Conde Santo); XII Vespa Faba e Clásicos (11.00); pasarrúas da charanga Louband (11.00); «showcooking» a cargo do cociñeiro Álex Iglesias (11.30); Faba Bingo (13.30); sesión vermú con Lume (13.30); degustación popular da Faba de Lourenzá (13.30); obradoiro infantil de cociña con A Morena (17.00); degustación de petiscos de carne de potro de pura raza (17.30) e Festival Folclórico con Osorio Gutiérrez e Agarimos. A hostelería servirá tapas a base de fabas, haberá un tren turístico para percorrer a Ruta das Fabas e entre 18.00 a 19.00 as atraccións infantís funcionarán sen son.

Programa provincial de Radiovoz

La Festa da Faba protagonizará este venres 2 o programa Voces de Lugo, de Radiovoz, que se emitirá en directo desde a Praza do Conde Santo para toda a provincia. Félix Jorquera falará coa rexedora, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; co pregoeiro, José Cuadrado; co chef Pedro Barreira e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba&Clásicos de Lourenzá.