«O teatro axuda ós nenos e adolescentes a aprender a escoitar e a estar en calma»
A MARIÑA
O actor focense Daniel Otero, que interpretará a un policía na terceira tempada de «Clanes», en Netflix, é profesor de teatro en Casa Hamlet e ofrecerá cursos en Burela para mozas e mozos de 7 a 17 anos
21 sep 2026 . Actualizado a las 18:44 h.As actividades culturais en xeral, e o teatro en particular, regalan a quen goza delas ferramentas para aplicar na vida diaria. Algo que, se cadra, ten especial relevancia neste mundo acelerado e convulso no que toca vivir, como destaca Daniel Otero (Nois, Foz, 1993), actor e profesor que a partir do 7 de outubro impartirá dous cursos de teatro en Burela, na asociación cultural Xebra. Un estará dirixido a nenas e nenos de 7 a 11 anos, e outro a adolescentes, de 12 a 17 anos. «O teatro axuda ós nenos e adolescentes a aprender a escoitar activamente e a estar en calma, algo que cada vez semella máis complicado pola tecnoloxía e o ritmo ó que vivimos», relata un home que se formou na prestixiosa escola Casa Hamlet, na Coruña, onde foi alumno destacado do recordado Manuel Lourenzo e onde leva cinco anos como profesor. Un traballo que compaxina coa súa faceta como actor de cine, teatro, televisión e dobraxe. O gran público puido velo na segunda tempada da exitosa serie Clanes, da plataforma Netflix, onde interpretou a un policía. Tamén estará na terceira.
Con todo, o seu soño é montar algún día unha escola de interpretación na Mariña. «Vou intentar plantar a semente do teatro en Burela e a ver se vai para diante», comenta un profesional que desde neno sentiu paixón pola actuación. «Miña nai di que nacín dicindo que quería ser actor, e no colexio, en Nois, participaba en todo. Logo estudei no Perdouro, en Burela, e pausei todo, pero na universidade retomeino», relata Otero, que se graduou en Filoloxía Inglesa pola USC. Foi durante a etapa universitaria, conta, cando tivo a «sorte/desgraza» de volver vincularse á actuación, e aí Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943-A Coruña, 2025) xogou un papel decisivo. «Díxome: ‘Se queres ser actor, hai que formarse’, e de momento saíume ben», sorrí Otero. En relación cos cursos que ofrecerá en Burela, explica que a primeira clase será gratuíta, para que os nenos proben. Haberá un máximo de «14 ou 15» alumnos por grupo, e as sesións desenvolveranse os mércores. Dúas horas semanais, cun custo de 60 euros ó mes. Os participantes traballarán en equipo e de maneira individual aspectos relacionados coa expresión corporal ou a comunicación, entre outros. A competitividade quedará na porta. «O primeiro que chega, perde. Hai que caer e levantarse ata que saia, cada un ten o seu camiño», conta, e explica como o teatro axuda á persoa á coñecer partes de si mesma que descoñece. Como, por exemplo, alguén tímido se transforma en alguén agresivo ou sedutor. «Os rapaces gañan en seguridade en si mesmos», abunda.
DE INTERESE:
- Haberá dous grupos. Un para nenas e nenos, de 7 a 11 anos, e outro para adolescentes, de 12 a 17.
- Os mércores. A partir do 7 de outubro, cada grupo terá 2 horas de clase á semana.
- Información. No correo danielcasahamlet@gmail.com e na asociación Xebra.