Inscriben ata o día 8 para a Xuntanza de Motos e Coches Clásicos de Viveiro, que será o día 12

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Xa hai 60 inscritos ata o momento nesta cita clásica para os amantes dos vehículos antigos

04 sep 2026 . Actualizado a las 21:08 h.

A Xuntanza de Coches e Motos Clásicas de Viveiro, un evento organizado polo Club Coches Clásicos Viveiro en colaboración co Concello, celebrarase o vindeiro sábado 12 de setembro. A cita xa conta a día de hoxe con máis de 60 vehículos inscritos confirmados, consolidándose como unha cita de referencia para os amantes do motor e do coleccionismo.

A xornada dará comezo ás 10:00 horas coa recepción de participantes e formalización de inscricións no aparcamento dos Castelos, en Covas. Ás 12:00 horas iniciará a habitual ruta turística pola contorna, que incluirá unha parada para degustar uns pinchos e gozar da sesión vermú. A programación pecharase ás 15:00 horas cun xantar confraternidade.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou durante o acto a importancia de apoiar estas iniciativas: «A Xuntanza de Coches e Motos Clásicas xa é unha cita obrigada, unha data moi agardada que, cada ano, atrae a numerosos visitantes e apaixoados do motor de todo o territorio. Desde o Concello é un pracer colaborar con persoas que traballan para ofrecer alternativas de ocio de calidade en Viveiro».

O prazo límite para inscribirse remata o martes 8 de setembro. Os prezos da inscrición son de 35 euros para os adultos, 20 euros para nenos e nenas de 6 a 12 anos, e gratuíto para os menores de 0 a 6 anos. Coa inscrición, cada participante recibirá un sombreiro de agasallo e sorpresas. As prazas para a comida son limitadas, as persoa interesadas deben formalizar a súa reserva chamando aos teléfonos de organización: 650 652 073 (David) ou 699 249 738 (Sandra).