Óliver Escobar, catedrático en Edimburgo e pregoeiro das festas de Xove: «Estou máis nervioso que cando din o discurso na ONU»
A MARIÑA
O escritor e politólogo xovense afincado en Escocia falará hoxe ás 20.30 horas dentro do San Bartolo
27 ago 2026 . Actualizado a las 13:04 h.Óliver Escobar (Xove, 1979), escritor e catedrático de Políticas Públicas e Innovación Democrática na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Edimburgo, en Escocia, incluido en 2021 na lista global dos cen académicos máis influíntes, autor de libros como Public dialogue and deliberation, Handbook of democratic innovation and governance e Climate Assemblies: new civic institutions for a climate-changed world, este último publicado o ano pasado sobre cambio climático, volve á súa terra natal pero esta vez non só de relax. Vén de pregoeiro, unha tarefa nada doada, como recoñece quen antes de acadar plaza de académico titular traballou na pesca, na construcción e no comercio, desenrolou proxectos en radio e fotografía e recibiu unha ducia de premios por obras como A última bengala, Apostasía e Galician Rhapsody, Blues escocés.
—Como puxo rumbo a Escocia?
—Estudiei Ciencias Políticas en Santiago, traballei nos portos de Celeiro e de Burela, aforrei e marchei para Escocia a aprender inglés. O plan era pasar un ano pero coñecín a Paula, polaca, casamos na praia de Area, e cambiou o plan. Levo alí dende 2005. Estiven traballando 3 anos en empresa privada, en 2008 entrei primeiro na Queen Margaret University montando un centro de diálogo social e en 2010 déronme a beca-doutorado na Universidade de Edimburgo. Dende entón, vivo alí. Acabei a tese, tiven a praza de titular e con moita sorte, facendo traballos que me aportaron moito, conseguín a cátedra xusto un mes antes de que nacera a miña filla. Foi unha traxectoria un pouco peculiar, porque é un sistema diferente do español.
—Dirixiu tamén programas de investigación como «What Works Scotland».
—Foi un programa de cinco anos do Goberno escocés e das universidades de Edimburgo e Glasgow no que estivemos investigando a reforma dos poderes públicos para mellorar os de saúde, educación, medioambiente, tecnoloxía, transporte, vivenda, etc... Foi grande, con 114 proxectos dentro do programa, basicamente para reformar as administracións públicas a nivel local e escocés. Logo outra parte na que traballo é a reforma da democracia, como vamos rescatala da crise na que está a nivel global. Agora estou traballando moito coas Nacións Unidas e a Organización Mundial da Saúde, delegacións transnacionais, europeas e trasatlánticas e en países específicos. A idea é que a democracia está en perigo.
«A democracia está hoxe en transición pero hai unha ventá de oportunidade para a innovación democrática»
—Que tipo de accións levan a cabo?
—Todo o que facemos é a investigación, a ensinanza (non só cos estudantes senón tamén co funcionariado, políticos e sociedade civil) e tratar de innovar. O meu campo, digamos, é o da innovación democrática. Basicamente é tratar de reimaxinar como vai funcionar a democracia do futuro para que poida resistir os ataques que recibe, que a está frenando, como a dinámica de partidos... Cando falo de democracia non me refiro a dinámicas electorais. Nós traballamos máis sobre participación cidadá, o papel das comunidades desenrolando os seus propios proxectos. Os desafíos que temos por diante, nos próximos 50 anos, son tan complexos que as administracións públicas non van dar feito. Os políticos sábeno e recoñéceno a portas pechadas, pero viven nun contexto no que non poden aceptar que eles sós non van ter as respostas. Os expertos, o mesmo. Non son cuestións técnicas, senón tamén de valores da sociedade que queremos construir. Hai que traer á cidadanía, polo que nós traballamos moito as asambleas cidadáns, presupostos participativos, modelos dixitais de intelixencia colectiva... Basicamente, tratando de mobilizar a capacidade que as comunidades e a xente teñen para afrontar estes problemas, en colaboración coas administracións, líderes de distintos sectores, etcétera. É unha democracia máis participativa, non unha democracia de élites, electoral.
—Pero percíbese cada vez con máis intensidade certa apatía cara á política?
—Esa é unha resposta moi racional pero, falando da cuestión da apatía, sempre falo das nosas investigacións que fixemos que demostran que a apatía non é unha dimensión humana natural. Ao contrario, o humano é activo. Nos últimos 30 ou 40 anos, no caso de España, construíron institucións que son moi boas fabricando apatía a nivel industrial e agora encontrámonos nun momento de cambio climático e revolución tecnolóxica no que non vai ser suficiente con que as institucións élites económicas e políticas lideren porque non vai funcionar. Todo o mundo debería sumarse ao esforzo. A apatía é un desafío pero non é unha cualidade humana intrínseca, senón algo que se produciu pola maneira en que organizamos a democracia durante moitos anos: ‘danos o voto e xa o facemos todo no teu nome’. Esa democracia xa non vale porque a xente é moito máis escéptica. Cada vez que organizamos procesos participativos, dende barrios ata nivel transnacional e global, hai unha pauta constante: cando á xente se lles dan oportunidades auténticas e xenuinas de participar en algo que realmente lles motiva, nunca falla. Este é un momento de transición democrática no que temos os perigos porque hai moita demagoxia e populismo destrutivo. Pero, por outro lado, hai unha ventá de oportunidade para a innovación democrática. Estamos na recesión democrática máis potente que se leva vivido nos últimos 50 anos. Agora no mundo, democracias consideradas plenas representan un 7 % da poboación mundial, mixtas un 40 % e o resto son sistemas autoritarios.
«Hai un tipo de democracia que xa non vale porque a xente é moito máis escéptica»
—Non podemos esquecer que vai dar hoxe o pregón. Que pensou cando o chamaron?
—Sempre viñemos nos veráns, en Nadal, pero con Molie xa pasamos temporadas máis longas para ver a familia e os amigos. O que eu fago é máis coñecido en Bruxelas, Latinoamérica ou Reino Unido que aquí, onde moita xente non sabe onde traballo, por iso me sorprendeu. Antes de marchar publicara varias obras literarias e esa parte é a que máis adoitaba saír, pero xa hai moitos anos. Penso nos que leron o pregón antes, algúns ídolos meus como Marica Campo, que foi a miña mestra, ou Xoán Guerreiro, pintor e amigo noso, Chema que era o director da escola... Son dunha xeneración que eu admiraba. Verte nesa posición... Estou máis nervioso que cando din un discurso o ano pasado nas Nacións Unidas. Xogar na casa sempre pón máis presión, non? A temática do pregón é a xente que fai o pobo. É un pregón bastante popular para o cal fun tomando notas falando cos veciños. Tamén hai moita sabiduría nos bares.