Unha inscrición na praia

Aurelia Balseiro

A MARIÑA

A. BALSEIRO

Hai unha irredenta praia na Mariña lucense especialmente senlleira polas historias que contan certos testemuños materiais e inmateriais de vidas pasadas, mais tamén per se, xa que mistura importantes detalles arqueolóxicos, históricos, xeolóxicos, paisaxísticos… que a fan extraordinaria. Antes, no verán, era menos frecuentada que as súas veciñas, polo que mantivo esa parte natural que os instagramers denominan, esaxeradamente ás veces, “paradisíaca” ou “de natureza salvaxe”, soidade quizais derivada da vella fama de perigosa que influía nesa menor afluencia de persoas. Con todo, quedaron gravados na recente memoria local certos sucesos luctuosos como o naufraxio do balandro “Drácula” do que se cumpren agora, en agosto, 50 anos e que derivou nun monumento aos falecidos, cara ao mar e a terra que viron por última vez. Da súa recente festa viquinga tampouco é necesario falar como así mesmo non citaremos o seu nome e coordenadas, en previsión de novas e tamén bárbaras (no sentido romano da palabra) invasións, aínda que as hordas veraniegas son un moderno feito real que avalancha as costas galegas cada vez máis.

Sobrevive soa, sendo atacada polo lixo procedente, quizais, de mercantes que pasan ou se abrigan dos temporais no fondeadeiro internacional visible desde a costa, ou ben dos portos pesqueiros e recreativos cercanos, ou dos porcalláns que pensan que o mar e un xigante contedor de gasto. Moita desa sucidade é levada por correntes, mareas e ondas mariñas ata depositarse esmorecendo nas súas beiras. Franqueada por acantilados e pechada por potentes sistemas dunares, non impediron nunca a accesibilidade para pescar, cando esa actividade era primordial para a subsistencia ou como medio de vida, agora xa cun compoñente deportivo e recreativo. O paso do tempo mudou o seu destino como lugar axeitado para disfrutar de sol e baño, ao que se engadiu o cabalgado das ondas con táboas.

Tamén estes días podemos ver o argazo, antes recurso para a fertilidade das leiras cultivadas, mais xa non se recolle e o seu potente cheiro salgado espanta fuciños delicados, porque no verán, miñas donas e meus señores veraneantes, continúa o mar de fondo e os temporais que arrastran esta vexetación mariña para pudrirse nas praias abertas das bocanas das rías altas cantábricas, ocupando insidiosamente os finos areais. En inverno, ano tras ano, os asiduos temporais lamben as paredes das consolidadas dunas ou dos acantilados rochosos derrubando e modificando os seus bordos e movendo a area para cambiar todas as marxes, incluso o curso da desembocadura do modesto regato que chega paseniño ao mar por onde pode ou lle deixan.

En realidade, esta praia, aquí innomeada pero ben coñecida por todos os indíxenas desta bisbarra, viña a colación para falar de memoria.

En efecto, sobrevive unha pequena e agochada inscrición gravada nas súas rochas, datada a mediados do século pasado, nunha etapa histórica marcada pola ditadura franquista, nos estertores da penosa autarquía do réxime. Tallada en renglóns de letras capitais como unha estela romana, intuímos pola súa elaboración e tamaño, moito máis que un rápido graffiti, posto que requiriu de tempo e paciencia, adoitaremos dicir premeditación e alevosía, mesmo puido ser un epitafio se os rapaces do pobo que o escribiron con vinte anos, non voltaran á súa aldea cando se despedían así:

A

28-12-1955

SE DESPIDE

DE ESTE VALLE DON (DE)

HAN NACIDO, QUE SI…

No lateral rochoso da praia, onde baten as ondas e desemboca o citado regato, en pleno inverno de hai 71 anos, dous quintos que ían facer senllos anos de mili, aquel lonxano servizo militar obrigatorio, marchaban sabendo que, nese período, virían pouco ou nada ao seu pobo e quizais só se comunicarían coa familia por carta.

Non sabían que o destino lles depararía tragos máis amargos que ese porque os vicedenses Belarmino e Darito, vivirían moitos anos e incluso Darito sobreviviu á mortal galerna de xullo do 61, rescatado do barco “La Gloria” xunto co resto de tripulantes que tiveron máis sorte que os 88 falecidos en plena campaña do bonito pola aquela infernal galerna cantábrica. O seu compañeiro de mili emigraría a Francia volvendo décadas despois ao seu val para quedarse definitivamente na terra onde nacera; hoxe, con 91 anos disfruta da súa familia.

A mediados do século pasado, non se deixaba o fogar para viaxar ou coñecer mundo, abandonábase por obriga ou necesidade, ou ámbalas dúas xuntas, mais esa inocente mensaxe na rocha fala de memoria e identidade local, reflicte tamén certo medo ao descoñecido, unha necesidade de constatar a súa ausencia, deixar unha pegada, loitar co esquecemento… algo inherente ao ADN humano, desde a prehistoria. Non obstante, comparable a unha típica inscrición latina do imperio romano, funeraria, triunfal ou conmemorativa, ou a un graffiti de Pompeya, porque sempre foron, son e serán, recordatorios para as vindeiras xeracións.

Folgueiro, agosto de 2026