Carme Rodríguez, directora do Festival de Cine Curto de Ribadeo: «Nestes cinco anos o público nunca nos deixou de lado»
A MARIÑA
Areas Movedizas organiza o ciclo ribadense que pón en valor a curtametraxe, comezando este xoves e rematando o sábado
06 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Un lustro pasa rápido. Parece que naceu onte, pero o Festival de Cine Curto de Ribadeo, do 6 ao 8 de agosto, xa volve a estar aquí. Outro verán máis converténdose nun imprescindible que busca achegar ao público traballos que amosan un claro talento audiovisual «vencellado á Mariña Lucense, Galicia e Asturias», destaca a organización, Areas Movedizas. É certo que non é habitual atopar outro tipo de canles para gozar desas propostas. Cineastas e espectadores (o público será o que vote aos mellores) terán a ocasión de compartir un espazo no que se fala unha mesma linguaxe e se descobren novas historias. En resumo, unha oportunidade de «compartir o cine e seguir demostrando que aquí tamén se fai cine», subliñan. Este ano as curtas seleccionadas son de Nacho Solana, Bea Lema, Imanol Ruiz de Lara, Guillermo de Oliveira, Silvia Cachafeiro, Javimou, Paula Pereira e Esther Moyá.
—Xa pasaron cinco anos, pero cara onde vai este festival?
—É verdade que aprendimos moito nestes cinco anos, sobre todo porque o noso primeiro contacto era a cegas, pois non sabiamos como ía recoller todo o público. Fómonos dando conta de que a xente asimilou o proxecto como algo propio, incluso sen saber de curtametraxes antes. Unha das nosas grandes aprendizaxes foi coñecer cada vez máis o público. Saber que lle gusta. De feito, nós agora podemos facer as nosas quinielas antes de cada edición e acostumamos acertar bastante co que lle vai gustar máis ao público. Por outra parte, sentímonos con esa responsabilidade de traerlles curtas ás que non accederían por outros medios, ou que se non as visen nunha pantalla quizais non lles prestarían atención. Sempre tratamos de explicar por que traemos eses traballos. E o público nunca nos deixou de lado nestes cinco anos. Non sei onde imos (sorrí)... Ninguén o sabe, pero gustaríanos seguir sendo un evento cultural representativo do verán ribadense e da nosa zona. Aínda que hai moitos «xigantes» cos que non merece a pena competir, tamén queremos ensinarlles aos cineastas Ribadeo e a Ribadeo o cine curto.
«Sentímonos con esa responsabilidade de traerlles curtas ás que non accederían por outros medios, ou que se non as visen nunha pantalla quizais non lles prestarían atención»
—Como funciona a selección?
—Faise dende a organización, sempre de forma democrática, intentando que haxa representación de xéneros diversos e pensando no gusto do público, xa que lles damos o poder de elixir quen gaña. Gústanos que haxa debate e que vexan na pantalla algo que lles faga pensar. Hai un pouco de todo e lógrase unha experiencia cinematográfica completa, aínda que dada por proxectos diferentes. Implícase a moitos creadores e creadoras e temos a sorte de que eles veñen a Ribadeo. O ambiente é moi positivo.
—Tamén hai oco para a música.
—Por exemplo, de Xoán Fórneas valoramos que ten moitas facetas. Dase moito neste mundo que a xente tende a ser multidisciplinar, ten moitos intereses artísticos diferentes pero compatibles. No caso da coral tamén unimos forzas porque teñen un concerto de música de cine que fixeron moitos veráns e era unha data moi sinalada en Ribadeo. Que o proxecto medre implica traballar cada vez con máis xente.
Xoán Fórneas na xornada inaugural, hoxe
A xornada inaugural do Festival de Cine Curto de Ribadeo, hoxe no parque de San Francisco, será ás 20.00 proxectando ao aire libre as cintas gañadoras anteriores: Una historia azul de Mónica Arnanz, Nena de Touriñán e Jairo Iglesias, Esto no es Noruega de Paco Cavero e Alicia Albares, e Monstera de Diego R. Aballe. Ás 21.30, o actor lucense Xoán Fórneas achegará o seu proxecto musical «O Xoán». A comisión de festas de Ribadeo xestionará a barra de bebidas, coa que tamén recadarán fondos. O venres será a proxección das curtas finalistas, ás 20.00 no Cine de Ribadeo. O sábado, á mesma hora no Cine Teatro, a gala final presentada polo xornalista ribadense Fabián Pérez e apadriñanda por Fórneas. Actuará a Coral Polifónica de Ribadeo. A creadora de contido Prado Rúa amenizará o photocall e levará o festival ás redes sociais. Apoian o evento Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Deputación de Lugo, Ministerio de Juventud, Acisa, La Balastrera, Aduana, Signo Creaciones e Cine Ribadeo, entre otras. A deputada Iria Castro destacou onte na presentación do festival a «puxanza do audiovisual galego e lucense».