Música, charlas, o tráiler dunha película e unha exposición para lembrar a Mimina en Sargadelos
A MARIÑA
A romaría cultural centrarase o vindeiro sábado nunha muller que «é parte imprescindible do fenómeno cultural» artellado en torno da empresa de cerámica
30 jul 2026 . Actualizado a las 19:12 h.Sargadelos acollerá o sábado 1 de agosto a segunda edición da romaría cultural Isaac, Sargadelos. A xornada xirará en torno da figura de Carmen Arias, Mimina, muller de Díaz Pardo «é parte imprescindible do nacemento e evolución do fenómeno Sargadelos», resalta a organización. O programa contará cunha exposición sobre a homenaxeada (aberta desde as 12.00 horas), coa presentación do tráiler da película Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz (13.00 horas), cun xantar de irmandade (14.00) e conferencias, desde as 17.00 horas.
María Ripoll, colaboradora no obradoiro de xoiería, falará de Mimina; Iria-Friné Rivera, historiadora da arte, pronunciará a charla Reconectando herdanza e coñecemento: a relevancia sistémica do traballo das mulleres desde Weimar a Sargadelos; e Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte explicarán o proceso creativo da obra de teatro Isto tamén é Sargadelos. A continuación haberá unha tertulia.
Para as 20.30 horas está previsto o concerto do grupo folk Doa, como colofón da xornada.
«A romaría pretende ser un punto de encontro para as persoas que tiveron relación directa co fenómeno cultural que foi Sargadelos, e preservar a memoria do compoñente cultural e da gran riqueza que supuxo para Cervo e para A Mariña», remarcan os organizadores.