«É un orgullo deseñar a Alfombra do Apóstolo no Día de Galicia en Santiago»
A MARIÑA
O burelense Martín Lestao coordinará hoxe a 70 alfombristas en Compostela
24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Desde as catro da tarde deste venres, 24 de xullo, ata ben entrada a madrugada, ó redor de 70 alfombristas de Ames, Bueu, Burela, O Castro de Caldelas, Cerponzóns e Ponteareas daranse cita na Praza da Inmaculada de Santiago de Compostela, tamén coñecida como da Acibechería, para elaborar a tradicional Alfombra do Apóstolo, que lucirá este sábado, 25 de xullo, Día de Galicia. Unha composición monumental de 10 por 7 metros que será deseñada e dirixida polo artista burelense Martín Soto Lestao nunha iniciativa impulsada e promovida pola Federación de Alfombristas de Galicia co apoio de Turismo de Galicia. A obra de arte efémero propón «unha lectura contemporánea e simbólica do fenómeno xacobeo», reivindicando a esencia do Camiño de Santiago como «unha rede de camiños, paisaxes, culturas e persoas que converxen nun mesmo destino e nunha mesma experiencia de viaxe, encontro e transformación», segundo destacan desde a federación.
«É un orgullo deseñar e dirixir a Alfombra do Apóstolo no Día de Galicia en Santiago», destaca Lestao. A Catedral de Santiago aparecerá no centro da composición como punto de chegada e elemento unificador, mentres que nos catro puntos cardinais confluirán as diferentes rutas históricas: o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, a Vía da Prata e o Camiño do Mar. Grandes frechas vermellas estruturarán visualmente a alfombra simbolizando a forza de atracción de Santiago como corazón dunha rede que conecta territorios diversos e na que converxen milleiros de peregrinos que viven experiencias únicas. A alfombra permanecerá exposta todo o día 25.
Un tapiz xigante con ‘viruta’, cunchas de berberechos, hortensia ou pampillo
No ano 2024, o mariñán Martín Lestao, de Burela Floral, xa coordinou unha Alfombra do Apóstolo polo 25 de xullo en Santiago. Naquela ocasión, o tapiz foi elaborado na Praza de San Martiño Pinario. Desta volta, o artista tratará de plasmar a riqueza do fenómeno xacobeo nunha composición xigante elaborada «cunha ensalada de materiais» procedentes das diferentes tradicións alfombristas galegas. «Vai ser bonito conxugar mimosa picada con ‘viruta’, serríns, hortensias, cunchas de berberechos ou pampillo secado ó sol e que conserva unhas cores únicas, como o que traerá a xente de Bueu. É unha experiencia moi gratificante», precisou este xoves Lestao, que xa ten ultimado o deseño que poderán contemplar os milleiros de veciños, visitantes e peregrinos que se acheguen á Praza da Inmaculada. Poderán contemplar en directo o proceso creativo descubrindo as distintas técnicas de elaboración artesanal.