Miguel Pazos Otón: «Cun tren puntual cada 30 minutos, na Mariña solventaríanse moitos problemas»
A MARIÑA
O profesor de Xeografía Humana na USC abordará o venres en Foz a oferta de transporte e a mobilidade na comarca
17 jun 2026 . Actualizado a las 10:10 h.Profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Pazos Otón ofrecerá o venres en Foz (Cenima, 20.00 horas) a conferencia Transporte, mobilidade e accesibilidade na Mariña: situación e alternativas. Organiza o coloquio o Foro Social da Mariña.
—Que abordará na palestra?
—Queremos abordar como está A Mariña estructurada no que se refire aos transportes, á mobilidade e á accesibilidade. Farémolo desde un dobre punto de vista: como está conectada a comarca co resto de Galicia e Asturias, e como é a vertebración interna da bisbarra, a partir dos servizos e as infraestruturas. Falaremos das debilidades e dalgunha fortaleza e proporemos algunha posible medida para mellorar.
—Cales son as fortalezas e fraquezas da comarca?
—O gran punto forte, pese aos problemas do trazado e eses bancos de néboa no Fiouco, é a construción da A-8, que supuxo un antes e un despois para a comarca, tanto para a súa conexión co interior da provincia como coa referente a Asturias. É a principal baza pero a única, e hai bastante marxe de mellora. Primeiro, porque a A-8 beneficia principalmente aos concellos cercanos, e desde Barreiros acábase. Segundo, porque o tren estase a deixar morrer, e terceiro, porque os servizos de autobús tampouco son especialmente bos, nin co exterior nin a nivel interior. Daquela depéndese totalmente do coche. Por exemplo, os buses cara Santiago ou A Coruña son moi pouco operativos. Hai un déficit grande en relación coa mobilidade en transporte público.
—Que causas levaron á situación actual?
—A Mariña pertence a Lugo, que a ve como un territorio moi lonxano, e a comarca ten unha identidade bastante propia. É tamén vista como unha periferia de Galicia. O non ter unha grande cidade xogou sempre en contra. A representatividade política foi menor que a doutras zonas. Por outro lado, estiveron os problemas da Transcantábrica, que non sendo unha autovía radial quedou para o último. Por todo iso é certo que A Mariña sufriu un certo illamento histórico e quedou prexudicada.
—Soe dicirse que coa desviación da Transcantábrica cara o interior abriuse unha Mariña de dúas velocidades. ¿É así?
—Co trazado que seguiu o da N-634 é certo que se deixou de lado a costa noroccidental de Galicia. Está claro que infraestruturas deste tipo melloran a accesibilidade e multiplican as posibilidades do territorio. Viveiro era o núcleo forte da comarca e quedou minimizado fronte a Ribadeo e Foz. Hai unha eiva grande nese sentido, pero ese debate sobre a A-8 xa non ten marcha atrás.
—O Goberno avanzou pouco na comprometida A-74 e a Xunta proxecta agora para Viveiro unha variante convencional, non unha vía de alta capacidade.
—Completar un corredor de alta capacidade para esa zona Viveiro-Xove-Cervo sería necesario e tamén suficiente, non sei se sería necesaria unha autovía. É certo que se están a facer en sitios menos rentables, como na zona limítrofe entre Ourense e Portugal. Con todo, pensar en que hai unha relación directa entre unha autovía e o desenvolvemento económico é algo moi estendido, pero que non ten por que ser así. Sei que a xente prefire o coche, pero non podemos pensar só nel. Hai xente que non ten acceso a el por idade ou cartos e ten dereito á mobilidade, temos o problema dos atascos, da contaminación...
—Que podemos facer co tren?
—O litoral da Mariña é unha cidade liñal: Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro... Cun tren que funcionase con puntualidade e tivese frecuencias cada media hora, solventaríanse moitos problemas, pois moita xente podería deixar o coche. No Eixo Atlántico, o ferrocarril deixou de ser unha opción para estudantes para ser a de moitas persoas. Non ten sentido ter esa vía desaproveitada e non é tan difícil facer unha dobre vía. Ademais, todos sabemos o que pasa en verán: o acceso ás Catedrais, onde se falou de facer un apeadoiro ao pé da praia, é un problema e dá mala imaxe. Aínda que sexa un transporte estatal, a Xunta podería implicarse e xestionar esa liña: isto ocorre co Euskotren, en Andalucía... Hai que cambiar un modelo de mobilidade baseado só no automóbil, é a asignatura de futuro.
—Faga unha proposta.
—A Xunta ten os plans de transporte metropolitanos, pensados para as cidades maiores de 50.000 habitantes. A Mariña debera reivindicar unha autoridade de transportes comarcal, é case unha cidade policéntrica. Iso permitiría coordinar todo mellor e recibir subvencións europeas.