O BNG de Viveiro propón ao pleno recuperar o proxecto da variante integrado na VAC Costa Norte, a primeira
A MARIÑA
Consideran que o que está agora a exposición pública «é dunha estrada convencional de baixas prestacións»
25 may 2026 . Actualizado a las 13:28 h.O Grupo Municipal do BNG no Concello de Viveiro leva ao pleno de xuño o debate sobre a nova variante de Viveiro. A formación nacionalista propón reclamar á Xunta de Galicia que recupere o proxecto da Variante de Viveiro integrado na Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte e abandone a proposta «dunha estrada convencional de baixas prestacións».
A portavoz municipal do BNG, Iria Cotelo, advirte que a decisión da Xunta supón «un novo episodio de abandono a Viveiro e á Mariña despois de décadas de promesas incumpridas. Estamos falando dunha infraestrutura necesaria para o futuro económico e social do noso concello e da comarca. Non podemos aceptar que Viveiro siga sendo a única cidade de máis de 250 quilómetros de costa entre Ferrol e Avilés sen unha variante en condicións», afirma Cotelo.
O BNG lembra que o proxecto da VAC da Costa Norte leva 25 anos previsto nos distintos plans de infraestruturas da Xunta e denuncia que, tras os avances realizados durante o goberno bipartito, o Partido Popular mantivo a infraestrutura paralizada desde 2009. Segundo explica a formación nacionalista, a alternativa presentada pola Xunta o pasado mes de decembro renuncia definitivamente á vía de alta capacidade para substituíla por unha estrada convencional «cun trazado impropio dunha infraestrutura moderna: unha velocidade de deseño de apenas 50 km/h, numerosas curvas de pequeno radio e varios quilómetros con pendentes entre o 7% e o 8%, parámetros considerados extraordinarios incluso para unha vía destas características», sinala Iria Cotelo.
«Estamos, polo tanto, diante dunha infraestrutura claramente insuficiente para as necesidades actuais e futuras de Viveiro e da comarca. Isto non resolve os problemas de tráfico de Viveiro nin mellora a conexión co resto do país. Ao contrario: consolida un modelo de comunicacións deficiente que condena ao noso concello á parálise, limitando as oportunidades de desenvolvemento social, económico e industrial», manifesta a portavoz do BNG.
Iria Cotelo tamén critica os criterios empregados pola Xunta para xustificar o cambio de proxecto. «Fixeron un estudo claramente sesgado, no que se penalizan cuestións como os viadutos ou as velocidades de deseño elevadas, cando precisamente iso é o que caracteriza unha infraestrutura moderna e preparada para o futuro», di. O BNG considera ademais que a proposta da Xunta non resolve os problemas de tráfico do municipio. «O enlace previsto co Camiño Vello desemboca xunto ao Pazo de Malates, na rúa Alonso Pérez, unha vía estreita e de sentido único que obrigaría a realizar rodeos innecesarios. Pola súa banda, o enlace de Magazos, situado nas proximidades da nave de Mobles Hermida, obrigaría ao tráfico procedente do interior a atravesar integramente as zonas urbanas de Magazos e Landrove, áreas que deberían quedar liberadas do paso de vehículos pesados. Por que Viveiro ten que conformarse cunha estrada de segunda categoría mentres noutras partes do país se executan infraestruturas de primeiro nivel? O que reclamamos é o xusto: o que nos pertence e o que nos prometeron para saír da parálise e impulsar dunha vez o futuro socioeconómico do noso concello», conclúe Cotelo.
A moción presentada polo BNG propón que «o pleno do Concello manifeste o seu rexeitamento á renuncia da Xunta á VAC Costa Norte, reclame a recuperación do proxecto da variante que xa estaba acordado e incluído no PXOM, e solicite unha revisión dos estudos técnicos incorporando criterios obxectivos relacionados coa capacidade da vía, os tempos de desprazamento e o potencial de desenvolvemento futuro».
Finalmente a formación nacionalista avanza que presentará alegacións aos estudos informativo e de impacto ambiental das variantes leste e oeste de Viveiro ante a Axencia Galega de Infraestruturas