«O Hospital da Mariña celebra 40 anos consolidado e preparado para o futuro»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

María José Cortés, no seu despacho do Hospital Público da Mariña, en Burela
María José Cortés, no seu despacho do Hospital Público da Mariña, en Burela xaime ramallal

María José Cortés Canay, directora do distrito sanitario da Mariña, está á fronte dun centro cunha plantilla de 832 profesionais

17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Inaugurado en 1986 como Hospital da Costa, o actual Hospital Público da Mariña cumpre o seu corenta aniversario. Abriu as súas portas con 127 profesionais (29 deles facultativos) e sesenta camas. Hoxe conta con 832 traballadores (127 facultativos) e 156 camas. Presta atención a unhas 1.500 persoas cada día. Abordamos con María José Cortés Canay, directora do distrito sanitario da Mariña desde 2017, que significan estes corenta anos. Ela chegou ao hospital hai case 21 anos como médica de urxencias e no 2015 foi nomeada subdirectora médica do centro: «É unha data especial. Son 40 anos de vida, de crecemento, de ilusión, de asistencia... Son moitas as persoas que pasaron por aquí e queremos aproveitar para celebralo dentro do hospital, pero tamén abrilo a toda a poboación, a todos os que nos queiran acompañar».

—En que situación chega o hospital cando cumpre 40 anos?

—Corenta anos, tamén a nivel persoal, é unha idade de madurez e así é como chega o Hospital da Mariña a esta data. É un hospital maduro, moi consolidado, con moitos proxectos novos e nunha etapa moi boa a nivel de proxección cara ao futuro. Penso que esa é a palabra que nos define agora mesmo. Temos moito traballo feito, moito traballo consolidado e moita ilusión posta no futuro. A actividade, tanto a nivel de hospitalización como de consultas externas, vai medrando todos os anos, ao igual que a de cirurxías, probas diagnósticas, tratamentos... Continuamente imos crecendo porque tamén a carteira de servizos se vai ampliando e iso leva a que a actividade sexa maior.

—Que papel desempeña o hospital mariñano dentro da rede galega de hospitais públicos?

—Este hospital, coma todos os comarcais, xoga un papel fundamental dentro da rede sanitaria pública. Presta unha atención cercana, de proximidade e a maior parte dos procesos de saúde e de enfermidade poden resolverse dentro do hospital. Acerca a maioría das especialidades médicas aos pacientes e ás súas familias. Os hospitais comarcais, concretamente o da Mariña, ten unha capacidade de resolución de procesos moi alta e eso fai que practicamente todo se poda resolver aquí e en moi poucas ocasións haxa que recorrer a hospitais dun nivel superior para completar estudos ou o proceso asistencial.

—Que representou a creación do hospital para a comarca da Mariña?

—A súa apertura foi un cambio substancial en canto ao coidado da saúde. Significou ter cerca da casa unha asistencia especializada, de calidade, cunha carteira de servizos que foi medrando, ao principio pouquiño a pouco, pero despois xa practicamente equiparable a calquera hospital dun nivel superior. O Hospital da Mariña ten unha capacidade de resolución alta porque, entre outras cousas, ten unha UCI que lle permite asumir niveis de complexidade superiores aos que teñen outros hospitais comarcais e iso para a poboación supón seguridade, tranquilidade, comodidade e evitar desprazamentos coa repercusión que iso ten en días de traballo, repercusión económica en desprazamentos, en estar fóra da casa acompañando a un enfermo hospitalizado... Penso que dá un extra de seguridade e de tranquilidade en canto ao coidado da saúde para a poboación de referencia.

—Destes corenta anos, destacaría especialmente algún avance ou logro especial para o centro?

—Ao longo destes corenta anos houbo momentos importantes, como cando se instalou o primeiro TAC, e xa máis recentemente cando se empezaron a administrar aquí os tratamentos de oncoloxía (2014). Foi importante polo que supuxo para a poboación, porque hai que ter en conta que os pacientes oncolóxicos son vulnerables, cunha situación de saúde delicada, tamén animicamente. E que, ademais, teñen tratamentos repetidos no tempo durante varias semanas, incluso meses. O poder dar esa prestación aquí, preto da súa casa, coa mesma calidade, é algo para destacar. Ademais, destacaría toda a primeira fase de ampliación do hospital, pois supuxo unha remodelación das instalacións, dos equipamentos de determinados servizos e tamén das plantas de hospitalización. Poder ter habitacións de uso individual non é só carteira de servizos senón unha comodidade que tamén é necesario, e penso que a poboación está satisfeita. Considero que tamén foi un fito importante cando no ano 2013 abrimos Hospitalización a Domicilio (HADO). O poder completar procesos de hospitalización no propio domicilio do paciente, con todas as garantías e con atención médica e de enfermería, foi outro avance relevante para o hospital. Tamén penso que foi importante cando se puxo en marcha a resonancia fixa no ano 2023.

«A Xunta aposta por este hospital que nunca deixou de avanzar»

—Diría que a do hospital mariñano foi unha evolución constante?

—Continua. A Xunta aposta por este hospital que nunca deixou de avanzar, que nunca estivo estancado. Desde os seus inicios xa leva varias ampliacións. Cada vez traballan nel máis profesionais, temos máis habitacións de hospitalización e tamén máis consultas. O crecemento é continuo e, de cara ao futuro, a previsión é seguir así.

—No mes de marzo licitouse a reforma e a ampliación do hospital, nas que se van investir 33,5 millóns de euros. En que situación está o procedemento?

—Rematou a fase de presentación de ofertas e nas vindeiras semanas resolverase que empresa vai ser a adxudicataria das obras.

—Falamos dunha fase grande...

—Chámase fase 2, pero realmente afecta a servizos moi relevantes do hospital. Será unha reforma practicamente integral dos servizos centrais de laboratorio, anatomía patolóxica, radioloxía, urxencias, unha parte da zona cirúrxica, toda a planta de pediatría, a parte de mantemento, a zona de consultas e gabinetes médicos... Non é só a reforma estrutural do edificio senón que conleva tamén unha renovación de equipamento e de todo o que iso supón. É un reto porque esta obra vaise desenvolver convivindo coa actividade diaria do hospital. Creo que todo o mundo está con ganas e con ilusión, e vai ser unha etapa chea de retos novos. Vai ser unha fase longa porque ten que ir dando tempo a facer mudanza para ir reformando o seguinte tramo, pero si todo vai ben, penso que vai ser bastante áxil.

«A principal fortaleza deste centro son os seus máis de 800 traballadores»

—Cales son as fortalezas do hospital?

—Unha delas, a principal, diría que son os seus traballadores, sen os seus profesionais non se pode facer nada. Así o vivín desde que cheguei aquí como profesional e tamén o puiden comprobar desde o punto de vista da dirección, cunha perspectiva diferente. A verdadeira fortaleza do hospital son as persoas que o forman. Hai moitas categorías profesionais nesta engranaxe que é moi complexa e, dende os de mantemento ata a cociña, pasando por todo o persoal de apoio, celadores, técnicos, auxiliares, enfermería, facultativos, persoal de limpeza... todos son importantes. Son a base do hospital. Ademais, destacaría a cercanía, o trato, a implicación e a ilusión que os profesionais poñen no seu traballo diario. Despois, outra fortaleza é estar moi preto da poboación. O Hospital da Mariña é moi accesible. Os profesionais tamén son próximos e empáticos, o que fai que haxa unha atención personalizada na maior parte dos casos.

«Este hospital é unha peza esencial da sanidade pública da Mariña»

A directora do distrito sanitario da Mariña, María José Cortés, tamén destaca o apoio da dirección e de toda a estrutura do Sergas ao Hospital Público da Mariña. «Aínda que sexamos un hospital comarcal, participamos en todos os proxectos do Sergas e incluso puidemos ser piloto nalgúns deles, precisamente pola cercanía que temos, pola predisposición dos profesionais a participar e porque ao ser un hospital dun tamaño intermedio moitas veces é máis fácil implantar determinados proxectos antes de botalos a rodar a nivel xeral. No tocante á incorporación de novas prácticas, tamén depende das persoas, pero sempre hai xente disposta a formarse, a ir aprender unha técnica a outros lugares para despois implantala aquí... A implicación dos profesionais é fundamental, pero tamén do apoio das xefaturas de servizos e da dirección.

—Con respecto ao persoal, como está de dotación o hospital?

—Agora mesmo temos unha situación bastante boa. Sabemos que hai dificultades para atopar profesionais de determinadas categorías, especialmente de facultativos e, sobre todo nalgunhas especialidades, pero tamén é certo que nestes últimos anos se foron completando diferentes procesos de selección de persoal, ofertas públicas de emprego, de consolidación, de méritos... e iso fixo que foran chegando profesionais ao Hospital da Mariña e que actualmente estea todo practicamente cuberto e funcionando con normalidade. No resto das categorías é máis sinxelo porque, polo xeral, hai listas de contratación e sempre suele haber profesionais.

—Que actos teñen previsto celebrar para conmemorar o aniversario?

—Temos previsto facer o 28 de maio unha xornada de portas abertas enfocada á poboación que teña interese en asistir. Gustarianos amosar un pouco o que normalmente non se ve do hospital, o que nós lle chamamos os servizos centrais, que dan apoio e que son transversais a toda a atención sanitaria, como é o laboratorio, o servizo de farmacia e o servizo de radiodiagnóstico. Intentaremos amosar un quirófano. O 11 de xuño haberá unha mesa redonda na que se fará un repaso histórico do que foi o nacemento e a evolución do hospital, abordando tamén como repercutiu socialmente en Burela e en toda A Mariña en xeral. Contaremos coa presenza de Herminia Pernas, a cronista oficial de Burela, que nos está axudando nesa revisión histórica, e tamén participarán outras persoas que ao longo destes corenta anos tiveron un papel importante na sociedade e no hospital. Por último teremos un acto central institucional no que xa faremos unha celebración oficial con autoridades, máis enfocada aos traballadores, aos xubilados e aos antigos xerentes. Este será o 12 de xuño.

—Como lle gustaría ver o hospital dentro duns anos?

—Gustariame ver que se continúa con esta liña de traballo que temos actualmente, cun hospital vivo, con moita actividade, medrando... e mantendo a esencia. Xa dixen antes que o máis importante, a fortaleza deste hospital, son as persoas e estou segura de que nun futuro vai seguir sendo así. As persoas que se dedican á sanidade xa son dunha pasta especial e nun hospital comarcal, onde a atención é moi próxima, eso é algo fundamental. É próxima en todos os sentidos, tanto de cara ao paciente e á súa familia, como entre os propios profesionais que coidan de persoas, de enfermos, e profesionais que se coidan entre eles, esa é a esencia do hospital, e a min é como me gustaría velo no futuro. Que eso se manteña, se conserve e que ademais o hospital siga como o que é agora, unha referencia dentro da sanidade pública de Galicia. É importante trasladar o agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que o Hospital da Mariña sexa o que é hoxe, aos traballadores e a todos os que teñen algo que ver neste proxecto e que lle dan vida todos os días. Agradecer tamén o traballo do alumnado de BAC de Artes do IES Monte Castelo por ter deseñado o logotipo conmemorativo.

«O hospital está moi implicado na formación de novos profesionais»

A directora do distrito sanitario da Mariña recoñece que «o hospital está moi implicado na docencia, na formación de novos profesionais e na investigación. O ano pasado no mes de outubro celebramos a incorporación do residente número 100. Cumpríanse 35 anos da acreditación como hospital docente». María José Cortés indica que «a maiores, formamos alumnos de diferentes graos. como enfermería, nutrición, bioquímica... que veñen realizar prácticas aquí. E a eles hai que sumarlles alumnos dos diferentes ciclos de FP da rama sanitaria, tanto dos técnicos de coidados de enfermería, de farmacia, de radioloxía, de anatomía patolóxica, e incluso veñen estudantes de Asturias. Recentemente tamén empezamos a recibir a profesores de ciclos para estadías formativas no noso hospital, e eso ten repercusión pois axudamos a que se formen profesionais e a que nos coñezan, pero tamén a que os nosos profesionais actualizacen continuamente os seus coñecementos. É moi gratificante poder axudar a outras persoas a completar a súa formación. Penso que ese é tamén un valor importante e vaise reflexionar sobre iso nalgunha das xornadas porque tamén a nivel local, no tecido social, o ter un hospital comarcal que dá cabida a moitas profesións é unha fonte de traballo importante». Finalmente, tamén destaca que a área sanitaria ten unha estrutura de investigación con novas instalacións e persoal propio de apoio. Facilita moito que os profesionais podan incorporarse á investigación. De cara ao futuro gustarianos poder ter máis proxectos de investigación propios con profesionais da Mariña.