Óscar Costoira, presidente da Asociación Cívico Cultural Obispo Santo de Foz: «Pediríalle a san Gonzalo que non chovera»
A MARIÑA
Foi o pregón do director da Axencia de Turismo de Galicia a semana pasada e este venres arrancan os días grandes da romaría
15 may 2026 . Actualizado a las 18:54 h.Lembrando a seu pai, que estivera durante catro décadas impulsando esta cita, e a quen lle debe «estar agora estou metido eu», Óscar Costoira, presidente da Asociación Cívico Cultural Obispo Santo de Foz, afonda nas caras a e b de estar nunha comisión de festas. Considérase «un amante da festa» e «sempre» puxo un pé nesta. Á cita quédanlle horas para comezar os seus días grandes, despois do traslado de san Gonzalo e o pregón do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a semana pasada. Ademais, o colectivo organizador cumpre 40 anos de vida. Con Costoira está no equipo seu irmán César, en calidade de vicepresidente, sumando Víctor Longarela, Ramón Couto, Mario Couto, Lalo «Rauto», Sergio Yanes, Damián Sánchez, Gabriel Ponce e Marcos Lastra. Onte recibiron a visita do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen destacou «a vixencia dunha tradición con máis de 300 anos de antigüidade, que se transmite de xeración e xeración e segue a ser un dos eventos máis populares da Mariña».
—¿Como lembra a festa antes?
—Polos 90, Foz quedaba baleiro. Abrían as panadarías para servir a mediodía pero todo o pobo subía arriba ao monte.
—Anímase a xente a acampar?
—Antes do covid, a festa decaera en acampadas. O ano da pandemia non se fixo e despois empezaron a subir.
—Que é o máis complexo da organización dunha festa?
—Hai que xestionar que veñan os coches eléctricos, o bar, as orquestras... Estas traen cada vez o palco máis grande, e o noso recinto é un pouco reducido de máis (por exemplo, contamos coa Panorama City, que veñen co palco que tiña a Panorama antes e que herdaron eles). O complexo é un pouco todo. É pedir e pensar se van chegar os cartos ou non para sufragar a festa. Ademais, hai cousas que che confirman a última hora, e sempre algo queda. Pero, polo xeneral, acaba sendo bastante ben.
—Algunha novidade este ano?
—Este ano puxemos un monolito no campo da festa, facendo unha pequena homenaxe aos que estiveron na comisión e faleceron. Eles deixáronnos un legado. Foron os primeiros que traballaron para poder seguir traballando nós.
—Que mensaxe recolleron deles, ou no seu caso de seu pai?
—Que o principal é a honradez, o esforzo e as ganas de querer facer unha festa ou un evento. Porque se non hai festa nun pobo, non hai nada.
«O principal é a honradez, o esforzo e as ganas de querer facer unha festa ou un evento»
—Todos os anos publican unha serie de normas para que os romeiros disfruten pero tamén sexan respetuosos co entorno.
—Na nosa páxina sacamos foto a todos os recintos, marcados e limpos. Sempre recordamos de non facer lume no solo, que haxa limpeza, que as árbores se deixen como están… Neste caso, os montes son de particulares. Aquí non se paga por montar, só 10 euros pola luz. Non nos gustaría chegar a unha parte, que sería moito máis traballo, que é a de ter que poñer unha fianza de equis cartos e no caso de non deixarse o recinto limpo quedar con ela. Non nos gustaría chegar a ese extremo.
—San Gonzalo é famoso polo seu milagre pero cos tempos que corren, que novo milagre lle pediría ao santo?
—Non lle pediría gran cousa… Temos un gran problema con san Gonzalo (sorrí). É movelo da basílica, traelo para a área recreativa e empezar a chover. Sempre nos chove na festa. Eu pediríalle que non nos chovera o día da festa (volve a rir). Date de conta de que facemos tamén varias festas ao longo do ano para xuntar cartos para esta festa de Obispo Santo. Que caera un brollón de auga sería unha pena.
Este venres, no primeiro día, haberá verbena co conxunto musical Show M3 e Grupo Origen. Sensación, Dambara, Pulpiño Viascón e Panorama City actuarán o sábado. O domingo, Los Satélites e Festicultores.