Brillo e ocaso de Sargadelos, empresa pioneira entre o mito e a realidade

Ramón González Rey CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

Antiguos hornos de Sargadelos
Antiguos hornos de Sargadelos XAIME RAMALLAL

O historiador Xoán Carmona abordará este martes nunha charla a evolución da primera tentativa industrial

12 may 2026 . Actualizado a las 22:04 h.

«Do Marqués ao Arcebispo: Mitos e realidades de Sargadelos». É o suxerente título da charla que, da man de Mariña Patrimonio, ofrecerá este martes (Casa da Administración, 19.00 horas) Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O historiador repasará a evolución dun dos espazos industriais e culturais más significativos de Galicia, ben coñecida nos círculos académicos pero ás veces non tanto fóra deles, e na que se presta —trala etapa contemporánea iniciada por Isaac Díaz Pardo— máis atención á fabricación de cerámica que á siderurxia.

Pero a industria de Sargadelos naceu no 1794 cuns altos fornos para a fabricación de ferro coado, os primeiros de carácter privado da historia de España. O fundador, Antonio Raimundo Ibáñez, diversificaría o negocio coa primera gran fábrica de louza branca de Galicia e do Estado. «Estas dúas innovacións son moi importantes, pioneiras nun lugar que aparentemente quedaba afastado», explica Carmona. Hai pois nos comezos unha realidade, a da singularidade deste proxecto, e un mito, a da falta de certos antecedentes na zona. «Tendemos a ver a historia cunha ollada presentista, cando a rexión contaba cunha tradición siderúrxica», sinala o historiador. Antes do de Ibáñez houbo plans frustrados na Fonsagrada ou Grandas de Salime.

Si o logrou o fundador de Sargadelos, que aspiraba inicialmente a fabricar os famosos potes de Burdeos pero que se topou no lugar axeitado e no momento axeitado: en guerra con Francia, o Estado precisaba de munición e a iso se dedicaron as coadas ata 1808.

Con esa dependencia que tiña o Estado do único alto forno privado de España, Ibáñez obtivo grandes beneficios e protección do Goberno. Dado que o negocio precisaba de moita masa forestal, concreta Carmona, fixo valer os seus privilexios «para pechar o monte á veciñanza, que o usaba entre outras cousas para acadar madeira de buxo ou estrume, e ademais obrigou ao campesiñado a facer carrexos, mesmo traballando ata 40 días ao ano para a iniciativa empresarial».

Ibáñez soubo aproveitar os recursos da zona —abundante monte e ferro en Reinante— para transformalos, o que logo inspiraría a Díaz Pardo, e na transición entre o feudalismo e o capitalismo «actuou como un axente privatizador, inaugurando unha empresa liberal moderna pero que utilizaba métodos señoriais propios do Antigo Réxime, como a coerción». Nese conflito entre a propiedade comunal e a individualizada enmárcase a súa morte violenta no 1809, cando xa iniciara a experiencia da fabricación de louza. Coa súa visión expansiva e arriscada, albiscara ademais opcións de facer téxtiles e vidro.

Parte do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos
Parte do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos

Para comprender o seu deceso falouse do seu carácter afrancesado durante a invasión gala, ou do papel que xogaron curas e fidalgos, e houbo quen interpretou a súa figura como un mártir dunha tentativa de revolución industrial. Carmona resalta que «non podemos entendelo como un heroe ou un visionario pero tampouco como un vilán», e pon a súa morte nun contexto histórico europeo. «Foi un industrialista e o que lle pasou non foi unha singularidade. En zonas de Inglaterra, Rusa ou Austria nas que había altos fornos de carbón vexetal, ocorreron enfrontamentos similares», matiza.

Carente de recursos en parte pola propia ambición empresarial de Ibáñez, a familia do fundador non puido continuar e asumiu Sargadelos Luis de la Riva. Comezou con el «a época máis coñecida de Sargadelos, con esa louza de influencia inglesa. Pero ademais vendíanse produtos de fundición en toda España, e «as tubaxes da canle de Isabel II en Madrid foron fabricadas aquí», afonda Carmona.

De la Riva fixo unha modernización ambiciosa do complexo industrial, pero viu mermada a súa liquidez. «El era o mordomo da catedral de Santiago, xestionando os cobros, e con esa tesourería tiña moitos recursos para negocios industriais. Pero comezou a ter problemas e cunha administración máis estricta e quedou sen cartos», manifesta o historiador. Por outra banda, a tecnoloxía siderúrxica xa superara a usada en Sargadelos: o último eran daquela os altos fornos de carbón mineral, moito máis produtivos. Esas dúas fraquezas acabaron con Sargadelos, que ninguén quixo retomar e que se apagou no 1875. Non sería ata case un século despois cando Isaac Díaz Pardo deu forma a unha marca robusta sintetizando en cerámica a cultura galega.

Joam Carmona
Joam Carmona XOAN A. SOLERXOAN A. SOLER

A fin do primeiro Sargadelos foi unha oportunidade perdida para Galicia? «É difícil que fose a partir do 1860 unha grande siderurxia europea como a alemana ou a inglesa, pero si puido ter sido un polo industrial mediano, con quizais 400 ou 500 traballadores, e ao contrario quedou sen nada», valora Carmona. «Había opción de continuar producindo ferros de calidade, porque o que se facía con carbón vexetal era mellor có que se facía con ulla. Iso ocorreu no País Vasco, en Araia», conclúe.