O BNG esixe máis financiamento para os Concellos co que ofrecer servizos públicos

La Voz

A MARIÑA

Reunión dos representantes municipais do Bloque, en Foz
Reunión dos representantes municipais do Bloque, en Foz BNG

Representantes municipais da formación, reunidos en Foz, abordaron o anteproxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia e presentaron o seu modelo de política de cara ao 2027

06 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebrou en Foz un encontro de cargos institucionais e municipais coa mirada posta nas eleccións locais do 2027. A formación frontista reivindicou ter «un modelo propio» de política municipal, «acreditado e recoñecible, tanto nas experiencias de goberno como tamén na oposición».

O modelo do BNG, salienta o partido nacionalista, «está asentado na participación da veciñanza, na procura da igualdade efectiva e na xustiza social, no fortalecemento e ampliación dos servizos públicos, na protección do medio natural e sustentabilidade ecolóxica, ademais da promoción da lingua e cultura galegas».

O BNG tamén se compromete a «fomentar iniciativas que permitan xerar riqueza aquí e partindo dos nosos recursos, por eso neste modelo a defensa do tecido produtivo desde o local é un dos nosos principais piares. Coidamos do noso territorio, da paisaxe e o medio ambiente como elementos da nosa identidade e da nosa economía», engade o responsable comarcal da formación frontista, Antonio Veiga.

Na reunión mantida en Foz, os representantes do Bloque abordaron tamén o tema do financiamento local e o anteproxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia. O BNG considera «insuficiente e decepcionante» dito borrador, posto que «segue sen solucionar os conflitos de competencias entre Administracións e o infrafinanciamento dos Concellos».

«Está elaborado sen ter en conta a nosa realidade diferencial e sen vontade de resolver os actuais problemas municipais cun enfoque propiamente galego. É necesaria a mellora do financiamento local», xulgou Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros.