O realizador rodou «Nada», de Rebeliom do Inframundo, nas Torres focegas, nun taller de Sargadelos e noutro de Burela
19 feb 2026 . Actualizado a las 22:00 h.Nada é o primeiro adianto do álbum Orgulho, que a banda radicada en Vigo Rebeliom do Inframundo publicará neste 2026. Aos mandos do videoclip que serve para presentar a canción está o cervense Xaime Miranda (A Fonsagrada, 1987), xa toda unha referencia a nivel galego se falamos de pezas audiovisuais musicais. E como vén sendo habitual, o realizador mariñao aposta polas localizacións da súa terra para ambientar a obra.
As Torres de Foz, Porto (Fazouro), as praias focegas de Llas e A Pampillosa, unha nave de Burela ou o taller de Telmo Cao en Sargadelos son algunhas das localizacións empregadas por Miranda para esta encarga. «Tiñamos pouco tempo e nestes casos tiro de lugares que me son coñecidos porque facilita moito as cousas», explica o cineasta.
Nada fala da alienación. «Veume á cabeza facer unha peza que dese unhas pequenas estampas da vida dun personaxe que está afogado pola presión en distintas contornas, na laboral pero tamén na familiar. A inspiración estética vén de películas de cinema británico dos 80, como por exemplo Scum, de Alan Clarke. Eses filmes retrataban a existencia obreira», expón Miranda, que precisa que boa parte do videoclip foi gravada cunha cámara de cinta Panasonic, fabricada nos anos noventa. «Dálle ese look moi cru, que lembra ao documental», engade.
«Con esta base busquei os lugares para rodar e As Torres, por exemplo, encaixábanme moi ben con esa estética proletaria», apunta.
O realizador non só botou man de localizacións mariñás senón tamén de actores da zona, como José Ramón Villarino, propietario do bar O Chícaro, en Foz. «Esta xente ten a condena de que os teño na axenda telefónica (ri), e se lles gusta e teñen dispoñibilidade tiro deles porque soen funcionar moi ben», indica Miranda.
A interpretación de Villarino «gustounos moito como quedaba e el mesmo da moi ben en cámara», manifesta.
Miranda está nominado aos premios Mestre Mateo, que se entregarán o 21 de marzo en Lugo, como director do videoclip de Ontes fun moi malo, canción do tamén mariñao Nuno Pico —alma máter do grupo Grande Amore—. A peza audiovisual do tema foi rodada no Valadouro e o resultado ten o aroma dun western. Tamén está a circular —e recibir premios, no Ourense Film Festival ou no Curtas do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa— a curta Hippocampus, na que Miranda e Pico exercen como produtores.
Pero o realizador mariñao, que xa ten feito videoclips para Xoel López ou Herdeiros da Crus, está nun período non de parón, pero si de menor actividade laboral, pois vén de ser pai. «Tiven moitas encargas pero debín dicir que non. Este foi case unha excepción, porque tiña a espiña cravada de non ter traballado con Rebeliom do Inframundo, algo que xa me pediran hai varios anos. Agora mesmo estou máis en tarefas de edición, que non conlevan viaxar tanto e se poden facer desde a casa», relata o cineasta.
No eido do videoclip, aumentou a oferta e a demanda cambiou, argumenta. Por un lado, novos realizadores ven xa este campo como un ámbito de traballo de referencia e non como algo menor ou complementario. Por outra banda, outras redes sociais impuxéronse a Youtube, o que implica unha renovación dos formatos.
«É posible que este ano fagamos outra curta máis e en paralelo seguimos escribindo cousas de cara a unha potencial longametraxe, pero todo vai despacio», comenta Miranda.
Con todo, a peza audiovisual de Nada volve acreditar o talento de Miranda, cunha habilidade especial para tirar do máis querido e máis próximo. De grande, a súa filla poderá presumir de ter participado, aos oito meses, no seu primeiro videoclip.