«A privatización de Alcoa, tal e como se fixo, conlevaba uns riscos terribles»
A MARIÑA

O catedrático Xoán Carmona participará o sábado no Foro Económico de Viveiro
12 dic 2024 . Actualizado a las 12:07 h.O catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, Xoán Carmona Badía, ve a privatización de Alúmina-Aluminio como un dos puntos de inflexión na evolución económica recente da comarca.
—Que importancia tivo este acontecemento?
—A privatización de Alúmina-Aluminio, como outras que aconteceron na etapa de Aznar no Goberno, foi moi acelerada, pois a Administración cría nos efectos taumatúrxicos de privatizar. Fíxose con moito segredo, dunha forma extraña, cuns compromisos para subvencionar o prezo da enerxía ata o 2013, e penso que de aí vén o problema, que non se reservase unha parte para o Estado ou a venta fose con outras condicións. Os intereses da Mariña quedan agora lonxe. É preocupante a falta de investimento, amosa unha intención de exprimir os activos existentes. Estas empresas tan electrointensivas compiten nun mercado global, con países nos que a enerxía é case regalada. Cabe lembrar que San Cibrao xa non ten dous clientes preto, A Coruña e Avilés.
—Que perspectivas de futuro ten A Mariña?
—Todo está cambiando moi rápido. Agora mesmo hai cambios de liderazgo internacionais no aluminio pero é posible que os haxa en todos os sectores. Existe un elemento de políticas enerxéticas que funciona bastante ben, como ocorre coas renovables. O contexto actual de cambio conleva oportunidades, o que descoñezo é se será con esta empresa. A Mariña debera estar atenta. O problema será quen vai asumir ese liderazgo e se o fai ben.
—En que se pode apoiar?
—É difícil prever e eu son historiador (ri). O que está claro é que as empresas que mellor aguantaron as crises foron históricamente as de transformación da alimentación.